Deputación de Lugo

A Deputación presenta 14 xovencas preñadas da Granxa Gayoso Castro na Poxa de Raza Rubia Galega de Adai

POXA
adai

A Deputación de Lugo vendeu este sábado un total de 14 xovencas preñadas procedentes da Granxa Gayoso Castro que a institución provincial ten en Castro Riberas de Lea. Foi durante a tradicional Poxa de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, celebrada no recinto feiral de Adai (O Corgo). Unha cita na que tamén se venderon outras 5 reses de ganderías particulares. 

As xovencas da Granxa Gayoso Castro ofertáronse cun prezo de saída de 2.900 euros, alcanzando un importante interese por parte dos gandeiros asistentes, que chegaron a pagar4.900€ por algún dos exemplares. Todas as reses proceden de explotacións da provincia, concretamente, dos concellos de Láncara, A Fonsagrada, O Corgo, Baralla, Paradela ou Sarria, entre outros. 

Ademais da venda, a institución provincial levou á feira outras 10 xovencas para participar na exposición, que reuniu arredor de 100 animais. Esta cita, na que tamén se venderon 7 machos de distintas gandarías, incluíu tamén unha degustación de tenreira galega. 

O rabaño de Rubia Galega da Deputación de Lugo, criado na Granxa Gayoso Castro e xestionado en colaboración coa ACRUGA (Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega), é un dos principais referentes na mellora xenética desta raza autóctona.