Carmela López comproba con Roi Rigueira a transformación de Taboada impulsada pola Deputación con máis de 1M€
“Taboada é un exemplo da nosa forma de traballar, da man dos concellos, con investimentos que teñen un impacto directo na calidade de vida da veciñanza e que contribúen a construír un rural con máis oportunidades e futuro”, valorou
A Presidenta da Deputación, Carmela López, comprobou este martes co Alcalde de Taboada, Roi Rigueira, a transformación que está a experimentar o municipio taboadés grazas a máis de 1 millón de euros de investimentos da institución provincial. Supervisou o estado dos diferentes traballos que se están a facer en materia de mobilidade e seguridade viaria, na recuperación e posta en valor do patrimonio público e no reforzo dos servizos municipais.
“Taboada é un exemplo da nosa forma de traballar na Deputación, da man dos concellos, con investimentos que teñen un impacto directo na calidade de vida da veciñanza e que contribúen a construír un rural con máis oportunidades e futuro”, valorou a mandataria provincial. “Non financiamos obras illadas, o que facemos é impulsar unha estratexia de desenvolvemento local e cohesión territorial co obxectivo de que a xente poida desenvolver o seu proxecto de vida no rural”, engadiu.
Tras a recepción oficial no Concello, Carmela López e Roi Rigueira visitaron o avance das obras do edificio da Antiga Cámara Agraria situado na Praza de Mañuelos. Os traballos financiados pola institución provincial consisten na recuperación desta infraestrutura de 1950 para convertela nun local multiusos destinado ao desenvolvemento de diferentes actividades e que acollerá unha oficina de Correos na planta baixa.
Melloras da mobilidade e da seguridade viaria
Percorreron a entrada sur da vila, a antiga N-540, que cambiará completamente grazas a este proxecto financiado con fondos provinciais que inclúe a execución de beirarrúas, aparcamentos, renovación do pavimento, instalación de alumeado público e mobiliario urbano e a plantación de árbores.
A Presidenta quixo supervisar tamén diferentes actuacións da Deputación na rede viaria provincial ao seu paso polo concello. A LU-P-4905 entre Portomarín e Taboada; a LU-P-6001, que vertebra a comunicación entre o núcleo urbano e as parroquias de Ada e Mundín; e a LU-P-6003, que mellora a conexión entre Couto e Viloide, xa no límite con Monterroso. Tres intervencións que, no seu conxunto, superan o medio millón de euros de investimento e que contribúen a vertebrar o territorio e a impulsar a actividade económica do municipio.
Servizos municipais e patrimonio público
Presidenta e Alcalde comprobaron tamén un tractor adquirido grazas a unha achega de preto de 60.000€. Unha dotación que permite aumentar a capacidade operativa do Concello, axilizar os traballos diarios e optimizar a prestación de servizos básicos, especialmente no coidado das infraestruturas.
A visita rematou na Casa Escola da parroquia de Meixonfrío, convertida nun local social ao servizo da veciñanza con máis de 30.000€ de fondos provinciais. Un proxecto que permitiu recuperar un edificio de uso comunitario e poñelo á disposición das entidades veciñais para dinamizar a vida social do rural e manter activos os núcleos parroquiais.