Carmela López asina a venda dunha nova parcela no polígono da Gándara, en Friol
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de asinar este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos e ante notario, a compra dunha nova parcela no polígono da Gándara, no concello de Friol.
Trátase da parcela número 13 que foi vendida a Inés Castelo García por un importe de 33.412,44€. Deste xeito, a día de hoxe a institución provincial ten vendidas neste polígono 31 parcelas, das 55 existentes, quedando libres outras 24. Nese sentido, Carmela López recordou que “coa formalización desta venta superamos o 55% de ocupación deste parque empresarial friolés, o que favorece directamente a actividade económica neste municipio e en todo o conxunto da provincia”.
A mandataria provincial recordou ademais que “o Polígono da Gándara conta cunha superficie total de arredor de 91.000 metros cadrados de solo urbano industrial” e fixo especial fincapé en que “estamos a falar dun espazo estratéxico para o desenvolvemento económico e industrial da comarca, pola súa situación privilexiada, preto da cidade de Lugo e ben comunicada con outros puntos da provincia”.
Parcelas dispoñibles no resto dos Parques
No resto dos parques industriais que xestiona a Deputación de Lugo a dispoñibilidade é de 9 parcelas no polígono de Baleira, das 27 existentes; 15 en Cospeito do total de 24; 2 en Ourol das 3 coas que conta; 13 das 19 que había inicialmente no de Paradela; 2 das 12 iniciais do complexo de Begonte; e 37 parcelas dispoñibles dun total de 51 en Castroverde. No de Chantada, xa están todas vendidas.