Deputación de Lugo
Turismo

O Parque Central de Galicia estrea un verán de actividades para toda a familia

Antas de Ulla
A Deputación de Lugo impulsa esta programación estival no novo espazo de Nugallás, en Antas de Ulla, con obradoiros de natureza, educación ambiental e oficios tradicionais, ademais de espectáculos para todos os públicos cada sábado de xullo e agosto

A iniciativa As mañás en Nugallás busca consolidar este enclave como un lugar de encontro para as familias, dinamizar o territorio e
poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico da provincia no centro xeográfico galego

As persoas interesadas en participar nas actividades poden solicitar máis información e realizar a súa inscrición a través do correo electrónico cicloculturalnugallas@gmail.com ou chamando ao teléfono 680 470 278

A Deputación de Lugo pon en marcha este sábado As mañás en Nugallás, un novo ciclo de actividades que converterá o Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, nun espazo de referencia para o lecer familiar durante os meses de xullo e agosto. Todos os sábados, desde as 10:00 horas, o recinto acollerá unha programación que combina obradoiros participativos arredor da natureza, da sustentabilidade e dos oficios tradicionais con espectáculos de música, teatro e narración oral dirixidos a público de todas as idades.

Con esta programación, a Deputación de Lugo inicia a actividade estival do Parque Central de Galicia, inaugurado o pasado domingo, dando un novo paso na posta en valor deste espazo. O obxectivo é consolidalo como un lugar de encontro para as familias, combinando natureza, lecer e propostas divulgativas que contribúan a dinamizar o territorio durante todo o ano.

O ciclo arrancará este sábado, 4 de xullo, co obradoiro Mundo Paxaro, unha actividade na que as persoas participantes descubrirán o mundo da ornitoloxía e elaborarán unha caixa niño para aves. A partir das 12:30 horas, o templete do parque acollerá o espectáculo Consertasso na Horta, de Brais das Hortas, primeira das oito propostas escénicas programadas para este verán. Ademais, durante toda a xornada haberá servizo de restauración no recinto.

Ao longo das próximas semanas desenvolveranse obradoiros centrados na biodiversidade, na conservación do medio natural e na recuperación de saberes tradicionais, con propostas como Bombas de vida, Xogando miudiño, Laboratorio Verde Ulloa, Xoguetes sonoros, Ei, Carballeira!, Iniciación ao coiro, Bechoconstrución ou Rastro de pegadas de mamíferos. Paralelamente, cada sábado ofrecerase un espectáculo diferente da man de artistas galegos como Iseo A Moura, Henriko, A Cova das Letras, Assircópatas, Marta Ortiz, Fran Rei, Dani García ou Natalia Outeiro "Pajarito".

Os obradoiros darán comezo ás 10:00 horas e os espectáculos celebraranse ás 12:30 horas. As persoas interesadas en participar nas actividades formativas poderán reservar praza a través do correo electrónico cicloculturalnugallas@gmail.com ou do teléfono 680 470 278.

A Deputación de Lugo aposta con esta programación por un modelo de lecer vinculado ao territorio, que promove o coñecemento do patrimonio natural dunha maneira participativa e interxeracional. O Parque Central de Galicia reforza así a súa vocación como un espazo pensado para compartir en familia, descubrir a riqueza ambiental da provincia e dinamizar o centro xeográfico de Galicia a través dunha oferta aberta, gratuíta e de calidade.