Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación impulsa tres espazos estratéxicos na Ribeira Sacra no camiño cara o Patrimonio Mundial

Ribeira Sacra
A institución avanza na posta en valor dos recursos turísticos coa aprobación, na Xunta de Goberno, do inicio dos procedementos para a concesión demanial do embarcadoiro dos Chancís, as instalacións en Maiorga e o náutico de Augas Mestas

Trátase dunha actuación que contribúe a reforzar os servizos e os equipamentos dun territorio que afronta un momento especialmente relevante coa súa candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO, apostando por un modelo de desenvolvemento sostible

A Deputación de Lugo dá un novo paso na súa estratexia de fortalecemento da Ribeira Sacra coa aprobación, na Xunta de Goberno deste venres, do inicio dos procedementos para a concesión demanial de tres equipamentos situados no territorio: o embarcadoiro dos Chancís, en Sober; unhas instalacións en Maiorga, en Pantón, que funcionan como pequeno club fluvial á beira do Miño; e o náutico de Augas Mestas, en Quiroga.

A Voceira socialista do Goberno e Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explicou que esta iniciativa busca atraer proxectos sólidos que permitan aproveitar todo o potencial destes espazos, reforzando a oferta turística da Ribeira Sacra nun momento especialmente relevante para o territorio, inmerso no proceso da súa candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO.

“Queremos que estes espazos estean vivos, presten un servizo de calidade e contribúan a dinamizar a economía local, crear emprego e reforzar o atractivo dun dos principais destinos turísticos da provincia”, destacou a Deputada.

Os tres equipamentos atópanse en enclaves privilexiados da Ribeira Sacra e contan cun enorme potencial para ampliar a oferta de servizos vinculados ao turismo de natureza, ao lecer e ás actividades náuticas, contribuíndo a consolidar un desenvolvemento sostible e de calidade.

Iniciativas solventes e comprometidas co territorio

A Xunta de Goberno aprobou iniciar a concesión do embarcadoiro dos Chancís, cun canon mínimo mensual de 100 euros; das instalacións de Maiorga, por un canon de 230 euros ao mes; e do náutico de Augas Mestas, cun canon mínimo de 500 euros mensuais. Estas concesións terán unha duración inicial de cinco anos e poderán prorrogarse por períodos de dous anos, dous anos e un, ata un máximo de dez.

Porto explicou que Deputación busca atraer iniciativas solventes e comprometidas co territorio. Por iso, os pregos de condicións no valorarán unicamente a oferta económica, senón tamén os investimentos previstos e a calidade dos proxectos de explotación, co obxectivo de garantir unha xestión que xere valor engadido e mellore os servizos que se ofrecen á cidadanía e aos visitantes.

Unha actuación coa que a Deputación continúa avanzando na posta en valor do patrimonio público provincial como ferramenta para impulsar o desenvolvemento económico, fortalecer o tecido empresarial local e consolidar a Ribeira Sacra como un destino turístico de referencia, preparado para afrontar con maiores garantías os retos e oportunidades que supón a súa candidatura a Patrimonio Mundial.