Deputación de Lugo

Miguel Fernández recoñece o traballo do Colexio de Graduados Sociais de Lugo na atención ás persoas máis vulnerables

Graduados Sociais
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento mantivo un encontro co presidente desta entidade para coñecer o servizo gratuíto de asesoramento social e laboral co que colabora a institución provincial a través dunha achega de 25.000€

Fernández destacou a importancia desta iniciativa “que leva en funcionamento desde o 2018 e que ano tras ano incrementa o número de consultas, o que evidencia a súa utilidade e a necesidade de seguir apoiando este tipo de recursos”

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, mantivo este mércores un encontro co Presidente do Colexio de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez Carreira, para coñecer de primeira man o funcionamento do servizo gratuíto de asesoramento social e laboral que esta entidade presta, en colaboración coa Deputación, ás persoas con dificultades económicas. Nesta xuntanza, á que tamén asistiron outros profesionais do Colexio, renovaron o convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial realiza unha achega económica de 25.000€ para que esta prestación poida levarse a cabo. 

Miguel Fernández puxo en valor o traballo que realiza o Colexio de Graduados Sociais de Lugo “a través deste programa, que ofrece información e asesoramento gratuíto aos veciños e veciñas da provincia con dificultades económicas”. O Deputado destacou a importancia desta iniciativa, “que leva oito anos en funcionamento e que ano tras ano incrementa o número de consultas, o que evidencia a súa utilidade e a necesidade de seguir apoiando este tipo de recursos”. Así mesmo, recalcou que “resolver as dúbidas dos veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, é unha cuestión de igualdade de oportunidades e de xustiza social”. 

O perfil das persoas usuarias deste servizo evoluciona cada ano para dar resposta ás novas realidades sociais, laborais ou económicas. Nese sentido, prevese que no 2026 os perfís de usuarios que soliciten este servizo sexan persoas inmigrantes que veñen de regularizar a súa situación e teñan dúbidas sociais ou laborais; persoas que perderon recentemente o seu emprego ou que se viron afectadas pola reforma laboral; ou refuxiados de distintos países que poidan necesitar apoio xurídico no que ten que ver co ámbito laboral e coa Seguridade Social; entre outros colectivos.