Deputación de Lugo

Carmela López destaca o compromiso da Deputación co sector pesqueiro na presentación das grandes citas do verán de Burela

feira do bonito
Burela
carmela lópez
A mandataria provincial e Alcaldesa deste concello mariñán presentou este mércores a XL Feira do Bonito e a XXIV Feira de Produtos do Mar e da Terra Produart. Ambos eventos terán lugar o vindeiro fin de semana no Porto de Burela

“Falamos de eventos que converten este municipio e A Mariña nun escaparate de primeiro nivel para a nosa gastronomía, o noso produto e a nosa tradición mariñeira”, avanzou a Presidenta da Deputación

A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, presentou este mércores no Salón de Plenos do Concello mariñán a XL Feira do Bonito de Burela, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, e a XXIV Feira de Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart. Dúas citas de referencia que se celebrarán a vindeira fin de semana neste municipio e que poñen en valor a riqueza gastronómica e o produto local da Mariña Lucense.

Carmela López recordou que “falamos de eventos que converten Burela e A Mariña nun escaparate de primeiro nivel para a nosa gastronomía, o noso produto e a nosa tradición mariñeira”. Avanzou tamén que “son citas que cada ano atraen a milleiros de visitantes polo que son unha importante oportunidade para dinamizar a nosa economía, apoiar o comercio e a hostalería e reforzar a imaxe da Mariña como un destino de referencia durante o verán”. 

Así mesmo, a Presidenta da Deputación puxo en valor o  compromiso da institución provincial co sector pesqueiro e o apoio a Produart a través da colaboración coa Fundación Expomar, organizadora da feira. “Ademais da achega económica, a Deputación contará cun expositor propio que funcionará como punto de información turística e no que ofreceremos material divulgativo sobre a eclipse solar total que poderá contemplarse o vindeiro mes de agosto. Unha cita de enorme relevancia que atraerá visitantes á nosa provincia e coa que queremos seguir promocionando Lugo como destino”, explicou. 

No acto de presentación tamén participou o Deputado de Medio Rural, do Mar e Mocidade, Daniel García, a Presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera, e o Xerente de Expomar, José Manuel González, entre outras autoridades.

Programa

A XL Feira do Bonito arrancará o sábado, día 1 de agosto, ás 10:30 horas, co IV Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego no Porto de Burela. Ás 11:30 horas terá lugar a V Quedada de Coches Clásicos e ás 13:00 horas as actividades continuarán coa recepción de autoridades e o izado de bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. A continuación, no escenario principal entregaranse os premios do concurso de carteis e o e o recoñecemento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira, a Idara López e a José Ramón Martínez. Acto seguido, procederase á lectura do pregón, a cargo de Paula Jorge Horta e despois farase a degustación, que se prolongará ao longo da tarde a base de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. A xornada rematará ás 20:30 horas con diferentes actuacións musicais. 

O domingo, 2 de agosto, ao longo da mañá haberá actividades infantís e, ás 13:30 horas, abriranse as portas da carpa para a degustación, que neste caso, estará protagonizada por unha tapa de filloa de Muimenta con recheo de bonito e ración de marmitako.

Paralelamente á celebración da XL Feira do Bonito que, como é habitual, se levará a cabo no porto burelés, celebrarase tamén a XXIV Feira de Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart, que comezará xa o venres 31 de xullo. A programación desta cita, impulsada pola Fundación Expomar, inclúe numerosas actividades como pintacaras infantís ou demostracións de encaixe de bolillos e de tear, entre outras propostas. No marco este evento tamén se presentará a nova edición do Festival Osa do Mar.