Deputación de Lugo

A Deputación impulsa novas actuacións na Mariña cun investimento que supera os 300.000€ en Cervo e Ourol

Pilar García Porto
REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Cervo
Ourol
Mariña
A Xunta de Goberno deste venres aprobou licitar por máis de 250.000€ obras de mellora nas estradas provinciais LU-P-1503 e LU-P-1505, que inclúen limpeza de cunetas, renovación do firme e mellora en seguridade vial

A Voceira socialista do Goberno destacou a relevancia desta actuación que “beneficiará a veciños e veciñas de Trasbar, Castelo e outras parroquias deste municipio mariñán, xa que comunica cos campos de fútbol da Granda, en Rúa, e o da Chá, en Vilaestrofe e co Miradoiro de Monte Castelo, un atractivo turístico da Mariña”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novas actuacións para mellorar infraestruturas e servizos públicos na comarca da Mariña, cun investimento total que supera os 300.000€ nos concellos de Cervo e Ourol. Así o informou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal deste venres, “son accións que repercutirán directamente na calidade de vida dos veciños e veciñas destes municipios mariñáns”.

Por unha banda, a institución provincial aprobou a licitación das obras de acondicionamento de dous treitos das estradas LU-P-1503 e LU-P-1505, cun orzamento superior aos 250.000€. Na LU-P-1503, que é a estrada que vai de Río Covo, por Trasbar a Vilaestrofe, actuarase nun treito comprendido entre os puntos quilométricos 2,600 ao 4,360. 

Os traballos, cun prazo de execución de catro meses, consistirán na limpeza de cunetas, a mellora do drenaxe, acondicionamento de deficiencias en diferentes curvas. Posteriormente, o estendido con aglomerado en quente e, unha vez rematado, procederase ao pintado da sinalización horizontal. 

Pilar García Porto  sinalou que esta actuación dará continuidade as obras de mellora executadas pola institución provincial nesta mesma vía, na que se actuou nos case tres primeiros quilómetros. “Falamos dunha vía de especial importancia porque enlaza  coa estrada provincial LU-P-1502, que comunica co concello de Burela e o Hospital da Mariña”. 
A Voceira Socialista destacou ademais que estas melloras “permitirán dar un servizo máis seguro e cómodo para os veciños e veciñas de Trasbar e de Castelo, pero tamén doutras parroquias da zona, xa que esta vía comunica cos campos de fútbol da Granda, en Rúa; e o da Chá, en Vilaestrofe; así como co Miradoiro de Monte Castelo, un dos atractivos turísticos da comarca da Mariña”.
Tamén se actuará na estrada LU-P-1505, que comunica o núcleo urbano de Cervo coa estrada nacional N-642 e coa parroquia de San Román de Vilaestrofe. Neste caso, acometeranse melloras nun tramo de algo máis de dous quilómetros.

Máis de 60.000€ para unha Casa de Cultura de Ourol  “máis accesible e inclusiva”

Na Xunta de Goberno celebrada esta mañá tamén se aprobou un convenio de colaboración co Concello de Ourol, a través do cal a institución provincial aporta á entidade local máis de 60.000€ para financiar integramente a mellora da accesibilidade da Casa da Cultura deste municipio mariñán. 

“A actuación permitirá eliminar barreiras arquitectónicas e converter este equipamento público nun espazo máis accesible, funcional e adaptado ás necesidades da veciñanza, garantindo que todas as persoas poidan participar nas actividades culturais e sociais que se desenvolven neste centro”, detallou a Voceira Socialista do Goberno.
A Casa da Cultura é unha infraestrutura fundamental para a vida social e cultural de Ourol, un punto de encontro para o tecido asociativo e un espazo esencial para o desenvolvemento de actividades dirixidas á veciñanza.
Esta colaboración enmárcase na liña de apoio da Deputación aos municipios “para facer posibles intervencións que, en moitos casos, non poderían asumir unicamente cos seus recursos propios”, sinalou Pilar García Porto.