Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a terceira edición de La Voz Open: o evento que situará Lugo no mapa dos xogos de estratexia

miguel fernández

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos a cita, que se celebrará os días 29 e 30 de agosto e que conta cunha achega da institución provincial de 5.000€

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, presentaron este venres nos xardíns do Pazo de San Marcos a terceira edición de La Voz Open, un dos eventos de referencia do panorama nacional de xogos de estratexia e miniaturas Warhammer 40.000. O torneo, que se celebrará os vindeiros 29 e 30 de agosto no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, está organizado pola empresa lucense Bandua Wargames xunto ao podcast La Voz de Horus. A institución provincial colabora a través dunha achega económica de 5.000€.

Durante o acto, ao que tamén asistiu o director do Wargames La Voz Open 2026, Pablo Rouco; Miguel Fernández destacou que “dende a Deputación de Lugo queremos apoiar iniciativas coma esta porque representan moi ben o modelo de actividades que queremos impulsar na nosa provincia: propostas abertas a todos os públicos, capaces de atraer visitantes, dinamizar a economía local e ofrecer alternativas de lecer de calidade”.

O deputado puxo en valor o impacto que este evento ten para a provincia, ao converter Lugo “nun punto de encontro para participantes chegados de distintos lugares, xerando movemento nos sectores da hostalaría, do comercio e dos servizos, ao tempo que proxecta a imaxe da nosa provincia máis aló das nosas fronteiras”.

Así mesmo, subliñou que os Wargames “son moito máis ca unha competición. Son un espazo de convivencia, de aprendizaxe e de intercambio de experiencias, no que persoas de diferentes idades comparten unha afección baseada na estratexia, na creatividade, na historia e no pensamento crítico”. Neste sentido, incidiu en que “ese carácter participativo e integrador encaixa plenamente cos valores que promovemos dende a Deputación”.

Miguel Fernández reafirmou o compromiso da institución provincial con este tipo de iniciativas ao sinalar que “colaboramos con este evento convencidos de que apoiar acontecementos deste nivel é investir na dinamización social, cultural e económica da provincia, contribuíndo a que Lugo siga sendo un territorio vivo, atractivo e capaz de acoller citas de primeiro nivel”.

O deputado agradeceu tamén “o traballo da organización e de todas as persoas que fan posible esta nova edición”, asegurando que “o seu esforzo e compromiso son fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano e para que Lugo siga consolidándose como un destino de referencia para este tipo de encontros”.

Un torneo con proxección internacional

A terceira edición de La Voz Open forma parte do circuíto oficial Iberian Open 2026, converténdose nunha das probas que outorgan acceso directo aos World Championships of Warhammer.

Nesta edición estarán en xogo tres Golden Tickets. Os dous primeiros clasificados conseguirán un Supergolden Ticket, dotado con 800 euros para facilitar a súa participación no campionato mundial que se celebrará en Barcelona. Ademais, entregarase un terceiro Golden Ticket ao Best Overall, recoñecendo ao xogador que se presente cun exército pintado persoalmente, premio que inclúe tamén unha achega económica de 400 euros.

Todos os participantes recibirán un Welcome Pack con diferentes agasallos e a organización ten previstas sorpresas adicionais para as primeiras persoas inscritas, reforzando así unha cita que continúa medrando e consolidándose como un referente para os afeccionados aos xogos de estratexia e miniaturas.