A Deputación acompaña á veciñanza de Pol na celebración da 41ª Festa do Emigrante
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto aos deputados provinciais, Pablo Rivera e Carlos López, e o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez, asistiron este luns á 41ª edición da Festa do Emigrante, que se celebra cada ano nesta localidade para render homenaxe a aquelas persoas que desenvolveron a súa vida lonxe da súa terra natal.
O evento, que reuniu a numerosos veciños e autoridades, comezou cunha misa e co pregón a cargo de Manuel Abraira, veciño da localidade emigrado en México. Posteriormente, a cita continuou co descubrimento da placa conmemorativa con motivo do XLI aniversario desta Festa e co xantar popular na Carballeira de Mosteiro. Ao longo de toda a xornada a programación tamén incluíu xogos para os máis cativos e actuacións musicais.