Deputación de Lugo

Conta atrás para que A Mariña sexa epicentro do surf feminino co apoio da Deputación

Burela
O Iberdrola Surfing Day Burela, que conta cunha colaboración da institución provincial de máis de 30.000€, celebrarase os días 12 e 13 de setembro na praia da Marosa

A cita reunirá deportistas de referencia vinculados a este deporte e ofrecerá ademais bautismos de surf gratuítos, un clínic de surf feminino e o encontro Muller e Deporte

Comezou a conta atrás para que A Mariña se converta, os días 12 e 13 de setembro, nun dos epicentros do surf feminino. A praia da Marosa, no concello de Burela, acollerá o Iberdrola Surfing Day Burela, unha cita que combinará deporte, formación, participación e sensibilización e que conta co apoio da Deputación de Lugo, cunha achega económica de máis de 30.000€.

Entre as principais actividades da xornada destaca o clínic de surfing feminino, unha sesión formativa que combinará traballo técnico en terra e unha sesión práctica na auga. As persoas participantes poderán compartir espazo con deportistas de referencia, coñecer as súas experiencias e traballar diferentes aspectos relacionados coa práctica do surf.

A programación inclúe tamén bautismos de surf gratuítos, especialmente dirixidos a mulleres e persoas que queiran ter a súa primeira experiencia nesta disciplina. Co acompañamento de persoal técnico e coa colaboración do Burela Surf Club, as participantes poderán familiarizarse co material, coñecer o medio mariño e aprender as normas básicas de seguridade antes da entrada na auga.

Outra dos principais actividades da xornada será o encontro Muller e Deporte, un espazo concibido para compartir experiencias e puntos de vista arredor da igualdade de oportunidades, a creación de referentes femininos, o liderado ou a conciliación. 

Por último, a programación completarase cun mercado, zona gastronómica, música, actividades e diferentes espazos de convivencia e participación, ampliando a experiencia máis alá das propostas desenvolvidas na auga. Ademais, durante estas xornadas, a praia da Marosa acollerá de forma simultánea o Longboard Concello de Burela, terceira proba da Liga FESurfing de Longboard 2026 e Campionato Galego de Longboard, xunto coas probas locais organizadas polo Burela Surf Club.