Deputación de Lugo

A Deputación reúne por primeira vez aos usuarios dos hortos do Rato e Paxariños na Festa da Colleita

hortos urbanos
miguel fernández
O deputado Miguel Fernández participou no encontro, que reuniu preto dun centenar de persoas para compartir unha xornada de convivencia con música tradicional e degustación dos produtos cultivados

A institución provincial conta cun total de 187 hortos distribuídos entre o Rato e Paxariños co obxectivo de fomentar a agricultura ecolóxica ou a concienciación ambiental. Ademais, tamén ofrece ás persoas usuarias un servizo gratuíto de mantemento e asesoramento

 

A Deputación de Lugo reuniu este domingo, por primeira vez, aos usuarios dos hortos urbanos do Rato e de Paxariños na Festa da Colleita. Un encontro que organiza a institución provincial para celebrar o resultado do traballo realizado e favorecer a convivencia.

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou na xornada, celebrada ao aire libre nas inmediacións dos terreos cultivados do Rato e na que participaron un cento de persoas. A cita incluíu unha comida na que os asistentes puideron compartir e degustar diferentes produtos cultivados nos propios hortos.

Miguel Fernández puxo en valor o traballo realizado polos usuarios e usuarias durante un verán especialmente esixente pola falta de choiva e subliñou que os hortos da Deputación son “moito máis ca parcelas para cultivar”, xa que permiten compartir coñecementos e experiencias, favorecer a axuda entre as persoas usuarias e crear vínculos entre a veciñanza. E lembrou nese sentido que a Deputación ofrece ás persoas usuarias un servizo gratuíto de mantemento e asesoramento.

“Encontros como o de hoxe axúdannos a facer comunidade arredor dos hortos e a que as persoas que participan neste programa se coñezan, compartan e aprendan unhas das outras”, afirmou.

Incorporación dos hortos de Paxariños

A Festa da Colleita deste ano conta ademais cunha importante novidade coa participación por primeira vez dos usuarios e usuarias dos 32 hortos de Paxariños, que se incorporaron á dinámica de xestión da institución provincial. 

A Deputación de Lugo conta cun total de 187 hortos distribuídos entre o Rato e Paxariños, co obxectivo de fomentar a agricultura ecolóxica, a concienciación ambiental, os hábitos de vida saudables e o contacto coa natureza. O uso destes terreos concédese á cidadanía de forma gratuíta seguindo criterios sociais.