Deputación de Lugo

Carmela López: “En tempos de intelixencia artificial debemos protexer a intelixencia manual”

carmela lópez
torneiros de xermade
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López Moreno, e a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, participaron este venres na inauguración da cita que se celebra ata o domingo e que conta achega económica da institución provincial de 13.000 euros.

“Despois de 25 anos, este encontro é un referente cultural e artesán da nosa provincia, e demostra algo moi importante: conservar os oficios tradicionais non significa mirar ao pasado, significa darlles futuro”, subliñou Carmela López.

Na mañá de hoxe, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López Moreno, e a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, participaron xunto ao alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, na inauguración do XXVI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, a cita que se celebra no polideportivo deste municipio chairego ata este domingo e que reúne a reputados profesionais do mundo da tornaría. 

Máis de 90 expositores e estimación de máis de 5.000 visitantes

A 26 edición do Encontro Internacional de Torneiros conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos.

Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal.

Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.

O Encontro de Torneiros conta por primeira vez con tres relatores estranxeiros

A programación deste ano inclúe obradoiros a cargo dos profesionais Pierre Cornëlis (Francia), Kevin Hutson (Reino Unido), Paulo de Tarso (Portugal) e Lolo Castro (As Pontes). É a primeira vez que o encontro reúne a tres relatores estraxeiros.

Os catro relatores estarán impartindo as súas demostracións o venres e o sábado, de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas, e o domingo pola mañá. Haberá tamén numerosos expositores de venda de material, ferramentas e publicacións especializadas sobre o oficio. A clausura será o domingo, ás 13:00 horas.

Carmela López: “Conservar os oficios tradicionais non significa mirar ao pasado, significa darlles futuro”

A Presidenta afirmou, na súa intervención durante a inauguración do certame, que “despois de 25 anos, este encontro é xa moito máis ca unha cita consolidada, é un referente cultural e artesán da nosa provincia,  e demostra algo moi importante: conservar os oficios tradicionais non significa mirar ao pasado, significa darlles futuro”.

En tempos da intelixencia artificial, a presidente avogou por reivindicar a “intelixencia manual, a das mans capaces de converter unha idea nunha peza única, a das persoas que coñecen a madeira e saben traballala con paciencia, precisión e creatividade”.

Concluíu Carmela López destacando o traballo feito dende a organización do encontro e polo alcalde que permiten facer de Xermade un referente internacional da tornaría. Así mesmo, reafirmou o compromiso da institución provincial con este evento, no que a  Deputación colabora cunha achega económica de 13.000 euros.