A Deputación e o Concello da Pontenova unen esforzos a prol dos veciños
A presidenta da Deputación, Carmela López, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos, firmaron este martes un convenio mediante o cal a institución provincial aportaralle ao concello mariñán 250.000 euros para mellorar varias infraestruturas e servizos.
O acordo foi aprobado pola xunta de goberno da Deputación a semana pasada.
O convenio permitirá financiar a reforma e o acondicionamento da antiga escola unitaria de Vilaodriz, que actualmente funciona como local social, cun investimento de 100.000 euros.
A achega da Deputación tamén serverá para mellorar dous camiños municipais, en Cova e Peizais, neste caso con máis de 65.000 euros.
A impermeabilización do depósito de auga potable de Vileimil, a adquisición dunha furgoneta eléctrica para as brigadas municipais, a subministración de formigón para actuacións de conservación viaria e o financiamento da pirotecnia das festas patronais de outubro, A Queima dos Fornos, son outras accións que o Concello da Pontenova levará a cabo coa colaboración da Deputación.
“Este é un exemplo moi claro de como entendemos nós a cooperación cos concellos: poñer recursos da Deputación á disposición dos municipios para que poidan atender as necesidades da veciñanza”, destacou a presidenta da Deputación durante a sinatura do convenio. “Se unha alcaldesa ou un alcalde presenta unha proposta boa para o seu concello, imos escoitala e estudala”, incidiu.
Pola súa banda, Darío Campos agradeceu o traballo da institución provincial e o compromiso da Presidenta coa Pontenova. “A Deputación de Lugo é a administración que máis nos axuda, se non os concellos pequenos estaríamos a cero de investimento”, valorou. Destacou que reformar a antiga escola unitaria de Vilaodriz, que conta coa partida máis importante deste acordo, “require un investimento moi grande nun lugar no que hai apenas 100 habitantes, pero é necesario facelo para manter poboación e calidade de vida”.