A Vicepresidencia da Deputación achega a concellos e asociacións unha nova edición do Circuíto de Teatro Profesional
A iniciativa conta colaboración de concellos e asociacións
A Vicepresidencia da Deputación puxo en marcha este mes de setembro unha nova edición do Circuíto de Teatro Profesional, que neste 2026 contará con quince compañías e vinte catro obras.
A área de Cultura facilita así a incorporación de teatro profesional nas programacións culturais de concellos e asociacións. A responsábel da área, Iria Castro, explicou que “continuamos con este programa que achega ás persoas de todas as comarcas o acceso a unha programación teatral ao tempo que axuda ás compañías profesionais da provincia, o que supón un pulo para a súa continuidade”.
As compañías teatrais que participan nesta edición son: Trécola Producións, Ítaca Teatro, Teatro do Miolo, Señor López Producións, Satori Teatro, Lîlâ Teatro, Bátega Teatro, Mircromina Títeres, A Compañía Solitaria do Dr. Monifate, Bengala Teatro Físico, Loia Producións, Enésima, ZoeVixión, Tarabela Creativa e Compañía Fraga dos Mouros.
A área de Cultura destina 110.000 euros, un investimento co que asume o 90 por cento do custo das representacións solicitadas por asociacións e entre o 70 e o 80 por cento no caso das solicitadas por concellos, en función da súa poboación.
Axenda de representacións
O Circuíto de Teatro Profesional ofrece esta semana dúas actuacións nos concellos de Sarria e Lugo.
Estremonías da Silva – LÎLÂ Teatro
Venres 25 de setembro | 20 horas | A Palleira de Manán (Sarria)
A silva é un arbusto espiñento e gabeador que ocupa terreos abandonados e forma valados que coidan con fervor as heredades. Ao seu abeiro créase un hábitat moi singular e unha terra fértil ideal para o cultivo. Resulta paradóxico que unha planta que produce tanta aversión regale uns froitos tan exuberantes e deliciosos... As amoras.
Cantos amores prenderon nunha silveira... Lines de Silva non é portuguesa nin do Brasil. É dunha aldea que se chama Sobrado. Disque non se dá ninguna importancia por iso. Tal é a súa dote para inventar historias que se gañou o alcume de 'Curuxa dos inxenios', en honor a Lope de Vega, creador de silvas.
En Sobrado aconteceron sucesos estrafalarios. Moitos deles quedaron prendidos na raizame das silveiras agardando o momento de seren rescatados...As amoras están cheas de tinta..
Ciencia Malabar – Cía Fraga dos Mouros
Sábado 26 de setembro | 18 horas | Centro Social Mádia Leva
Tipo de público: Familiar
Unha proposta sobre o método científico, nunha viaxe infinita onde só a experiencia dá o saber. Un profesor de ciencias algo torpe e despistado, nun reto constante contra a gravidade, inventa unha aula improvisada onde desafía as leis do movemento a través dos lanzamentos dos malabares, coa implicación do público como alumnado espontáneo.