Daniel García destaca o traballo da asociación Ó compás do río Ouro, que converteu a súa escola e banda de música no motor cultural do val do Ouro
Lugo, 1 de outubro de 2026.- O deputado Daniel García felicitou á Asociación Cultural Ó compás do río Ouro, que este xoves celebrou o primeiro ano e medio de traballo na formación musical e na dinamización cultural dos concellos do Valadouro e Alfoz.
O responsabel provincial transmitiu os parabéns ao colectivo cultural durante un acto celebrado na Casa da Cultura do Valadouro, no que se repasou a actividade desenvolvida a redor da banda e da escola de música e que contou tamén coa participación de representantes dos concellos de Alfoz e Valadouro e doutras entidades colaboradoras.
Na súa intervención, Daniel García puxo de relevo “o papel do asociacionismo na dinamización cultural, especialmente no eido da música”, lembrando que “son estes colectivos os que sosteñen unha gran parte dos espazos de formación e de difusión da música popular e tradicional nos concellos máis pequenos”. Nese sentido, valorou “a alternativa de aprendizaxe e lecer que a escola de música ofrece á rapazada do Valadouro e Alfoz, sen necesidade de desprazarse a outras vilas”.
“Soster ese tecido asociativo é fundamental para que as persoas participen da cultura, non só como espectadoras e espectadores, senon tamén como creadoras e creadores”, explicou o deputado que reafirmou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación con esa rede asociativa, a través de axudas directas pero tamén de programacións propias como o Tradigalu, pensada fundamentalmente para promocionar as agrupacións de música tradicional e as bandas da provincia”.
A banda de música Ó compas do río Ouro, dirixida por Pablo Pelaez, afianzou a súa presenza dos escenarios da provincia da man deste programa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, con diferentes actuacións desde setembro de 2025, en Alfoz, Cangas de Foz, Foz ou Guitiriz.
A área de Cultura provincial tamén colaborou coa entidade na organización do Festival de Músicos do Valadouro e Alfoz, que celebraron no pasado mes de agosto.
Comeza un novo curso na escola de múscia
A asociación “Ó compas do río Ouro” prepara o inicio do curso 2026/2027 na escola de música que conta con medio cento de alumnas e alumnos e que ofrece clases de vento metal, vento madeira, percusión, corda, piano, acordeón e guitarra.