Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación segue a impulsar Lugo como centro de referencia no estudo e interpretación da zanfona cun obradoiro de Efrén López

CENTRAD
ZANFONA
A Vicepresidencia da Deputación segue a impulsar Lugo como centro de referencia no estudo e interpretación da zanfona cun obradoiro de Efrén López
A Vicepresidencia da Deputación segue a impulsar Lugo como centro de referencia no estudo e interpretación da zanfona cun obradoiro de Efrén López
A actividade, gratuíta, impartirase o mércores 7 de outubro no Centro de Artesanía e Deseño

Lugo, 5 de outubro de 2026.-  O Centro de Artesanía acollerá o vindeiro mércores -7 de outubro- un obradoiro de Efrén López, especialista en música medieval e no estudo e recuperación da música tradicional do Mediterráneo.

A actividade, incluída no ciclo Zanfona é feminino, estará dedicada a este instrumento pero cunha clara vontade de amosar os seus recursos a músicos de diferentes procedencias e instrumentos. Comezará cun seminario aberto a todo o público, de 10.30 a 13.30 horas,  e continuará pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas, cunha sesión práctica, especialmente pensada para músicos que queiran ampliar o campo de traballo do seu instrumento incorporando novos repertorios, ornamentos, fraseoloxía, rítmica e intervalos a partir de tradicións orais como as de Bulgaria, Grecia, Creta, Turquía, Irán ou Afganistán.

A inscrición no curso é gratuíta e require inscrición previa en info.centrad@deputacionlugo.org.

Zanfona é feminino

Trátase do terceiro obradoiro organizado polo Centro de Artesanía e Deseño no marco do ciclo Zanfona é feminino, unha iniciativa que reivindica o papel das mulleres na historia da zanfona e da música e que busca poñer en valor o seu legado. Os dous primeiros foron a cargo de Tobie Miller, o 24 de maio, e Bea Peña, o pasado 20 de setembro.

A colaboración con este ciclo consolida o papel do Centro de Artesanía e Deseño como espazo de referencia no estudo, construción e interpretación da zanfona e contribúe a proxectar o patrimonio conservado pola institución provincial na Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros.