Cultura
Deputación de Lugo

Saíñas celebra o sábado unha nova edición da Foliada da Mariña coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
SAÍÑAS
Xove
música tradicional

A Asociación Cultural Saíñas celebra o vindeiro sábado  -24 de outubro- unha nova edición da Foliada da Mariña, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O deputado Daniel García e integrantes do colectivo cultural presentaron o programa deste encontro,  que encherá a Praza do Concello de Xove de música e baile tradicional a partir das 17.00 horas.

As actuacións de Pensamento e Sementeira de Viveiro, Arco da Vella de Barreiros, Gamelas e Anduriñas de Ortigueira e das formacións de gaita e pandeireta de Saíñas  abrirán a xornada, que contará con concertos de Alana e Os do Fondo da Barra.

Daniel García reafirmou "o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co asociacionismo de base” que, lembrou, “ten un papel fundamental na conservación e na difusión da música tradicional”. Nese sentido, destacou que  “xornadas coma esta dan visibilidade a un traballo diario que permite soster grupos de música tradicional e manter vivo ese legado cultural”

A Asociación Cultural Saíñas, con máis de catro décadas de traxectoria, ofrece clases de percusión, gaita e baile de distintos niveis e conta, ademais das formacions de adultos, seccións infantís. En 2005, organizou a primeira edición da Foliada da Mariña, pioneira neste tipo de encontros da comarca. Despois dalgúns anos de parón no periodo da Covid, a Foliada cumprirá este sábado dezasete edicións.