A Deputación leva a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Luar na Lubre a Mondoñedo para clausurar As San Lucas
As San Lucas de Mondoñedo, que este ano celebran a súa 870ª edición, encaran a recta final esta fin de semana cunha programación especial Terra de encontros, que ofrecerá durante toda a xornada do sábado diversas actividades culturais e tradicionais. Os principais atractivos serán os concertos gratuítos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e de Luar na Lubre, dous referentes da cultura galega que porán o broche musical á celebración.
A iniciativa, impulsada pola Deputación de Lugo en colaboración coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, comezará ás 12:00 horas na Praza da Catedral con xogos tradicionais a cargo de Xotramu. Pola tarde, ás 17:00 horas, os pasarrúas percorrerán as rúas da cidade con saídas desde tres puntos diferentes: a zona da Alameda, o barrio dos Muíños e o Auditorio Municipal Pascual Veiga. A programación continuará cun encontro folclórico no Seminario de Santa Catalina, no que participarán os grupos Os do 21, do Vicedo; A Subela, de Foz; e Ledicia, de Burela.
A música continuará ás 20:30 horas na Praza da Catedral co concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, unha das propostas máis recoñecidas da música tradicional galega contemporánea. O artista estará acompañado por esta formación feminina, que se encarga da percusión e o acompañamento vocal.
Na mesma praza, ás 22:30 horas, pechará a xornada musical Luar na Lubre, grupo referente do folk galego que, desde a súa creación, levou a música e a cultura de Galicia a escenarios de todo o mundo.