Deputación de Lugo

A Deputación mellorará a Casa da Cultura e acondicionará o aparcamento Escola A Pinguela, en Alfoz do Castrodouro

A institución provincial aprobou esta mañá un convenio co concello de Alfoz do Castrodouro que permitirá levar a cabo a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura, así como acondicionar o aparcamento do entorno da escola de A Pinguela. Será a través dun investimento conxunto de preto de 59.000 euros.

Este venres tamén formalizáronse mediante sinatura dous convenios co concello de Ribeira de Piquín, un para a mellora de captación do abastecemento de auga e outro para a creación dunha cociña comunitaria. Pola tarde, está prevista a sinatura doutro convenio co concello de Trabada para a reapertura e posta en funcionamento do Punto de Atención á Infancia.

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a formalización dun convenio de colaboración co concello de Alfoz do Castrodouro para mellorar infraestruturas municipais, concretamente a Casa da Cultura e o aparcamento do entorno da escola de A Pinguela.

O investimento para ambas actuacións alcanza os 59.000 euros. En concreto, destinaranse 37.266,43€ para a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura, e 21.462,20€ para o acondicionamento do aparcamento próximo á escola de A Pinguela.


Mellora da eficiencia enerxética na Casa da Cultura coa renovación da súa fachada

A Casa da Cultura de Alfoz do Castrodouro está situada no núcleo da Seara, na parroquia de San Pedro de Mor. É un edificio de dúas plantas e semisoto. As actuacións levaranse a cabo na segunda planta, onde se emprazan as instalacións da biblioteca municipal.

A fachada exterior de dita planta conta cun muro cortina composto por carpintería metálica de vidro dobre. O mal estado e as características actuais do muro cortina  provocan un elevado consumo de climatización, especialmente durante o inverno. Para solucionar este problema e garantir un confort térmico óptimo durante todo o ano, procederase á substitución da dita fachada por unha nova estrutura máis eficiente.

As principais actuacións consistirán na renovación da fachada principal, coa instalación de novos muros cortina con carpintaría de aluminio e perfilaría interior e acristalamento para control solar e cámara de aire. Esta mellora substancial no illamento permitirá reducir a perda de enerxía do edificio.

Unha vez licitadas e adxudicadas as obras, o prazo de execución previsto para esta actuación é dun ano.

Acondicionamento do aparcamento no entorno da escola de A Pinguela

As actuacións localizaranse na contorna da antiga escola da Pinguela, situada na parroquia da Lagoa. Na zona posterior de dita escola existe un espazo destinado a aparcamento, pero que na actualidade non se atopa acondicionado para tal fin.

Ademais, a asociación de veciños da Lagoa, organiza ao longo do ano diferentes celebracións e actividades tanto na escola da Pinguela como na súa contorna, coa instalación dunha carpa para a celebración de actos na zona de aparcamento.

Tendo en conta que un número importante de veciños e usuarios participan destes actos e actividades teñen unha idade avanzada, e en moitos casos problemas de mobilidade, faise necesario levar a cabo o acondicionamento deste espazo, así como da rampla de acceso ao mesmo, co obxectivo de mellorar as condicións de accesibilidade desde o aparcamento ata o local da escola.

Para realizar as obras de acondicionamento do aparcamento e da rampla de acceso, prevese levar a cabo a apertura de caixa para a execución do pavimento, a extensión dunha base de saburra artificial e a execución dun pavimento de formigón de 15 cm na zona de aparcamento e na rampla de acceso.

O prazo de execución previsto para esta actuación é dun ano, unha vez licitadas e adxudicadas as obras. 


Convenios de cooperación cos concellos de Ribeira de Piquín e Trabada

Este venres tamén formalizáronse mediante sinatura dous convenios co concello de Ribeira de Piquín. Un para a mellora de captacións de abastecemento de auga, para o que a Deputación destina 45.112,88€ e outro para a creación dunha cociña comunitaria, cunha achega de 54.887,12€. 

Pola tarde, está prevista a sinatura doutro convenio co concello de Trabada para a reapertura e posta en funcionamento do Punto de Atención á Infancia, para o que o organismo provincial destina 39.374,67€.