Carmela López: “Os meus fillos teñen dereito a ser eles mesmos, á marxe da miña responsabilidade política”
Baixo o lema Nin boas nin malas: nais, o salón de actos da Deputación encheuse para escoitar a ex ximnasta olímpica Almudena Cid, a CEO de Bebé Ratón Iria López; a perruqueira Isabel Ares; a deportista Patricia Díaz; a xinecóloga Vanessa Lora; a fisioterapeuta Patricia Pontón; e a artista Laura LaMontagne
O salón de actos da Deputación acolleu esta tarde a cuarta edición de Con Voz de Muller, unha iniciativa da Cadena Ser en colaboración coa institución provincial que un ano máis espertou gran interese e fixo que en moi poucos días se reservaran todas as entradas dispoñibles.
A xornada abordou a maternidade desde diferentes perspectivas persoais e profesionais, afastándose dos estereotipos e dos xuízos que aínda condicionan a experiencia das mulleres. Para iso contou con varias nais, con historias de maternidade distintas; con profesionais especializadas na saúde feminina e coa ex ximnasta catro veces olímpica Almudena Cid, para pechar o acto.
A apertura do foro correu a cargo da presidenta da Deputación, Carmela López, que nunha conversa coa xornalista e condutora do acto, Sara Meijide, falou de que supón para as mulleres, pero tamén para os fillos, o exercicio da política, como é o seu caso. Neste momento, a presidenta provincial e alcaldesa de Burela é nai de dous fillos adolescentes.
“Os meus fillos teñen dereito a ser eles mesmos, á marxe da niña responsabilidade política. Reivindico que poidan medrar, formar as súas opinión e relacionarse cos demais sen que o meu cargo lles supoña unha etiqueta”, explicou. “Eu decidín estar en política. Os meus fillos acompáñanme nesta vida, pero teñen a súa propia. Teñen os seus amigos, as súas preocupacións, as súas ideas e o dereito a ir descubrindo quen son”, enfatizou.
López incidiu na idea de que o que ela faga como alcaldesa de Burela ou presidenta da Deputación de Lugo debe explicalo ela, non os seus fillos. “Eles non deben dar explicación por min”, remarcou.
A mandataria recoñeceu que, cando os seus fillos escoitan comentarios pola súa dedicación á política, pásao mal, pero elixe quedar coa parte positiva, asegurou. “Como nai dóeme, pero tamén me fai pensar no exemplo que estamos dando as persoas adultas. No que dicimos na casa, no que escribimos nas redes e na facilidade coa que ás veces reducimos unha persoa a unha etiqueta. Iso tamén educa”, afirmou.
Cando os fillos discrepan e, “ás veces, fan revisar unha opinión”
A política falou da súa receita de nai. “Intento escoitar moito os meus fillos, preguntarlles por que pensan dunha maneira e darlles confianza para discrepar. Tamén de min”, explicou, para a continuación sinalar que “ás veces son eles os que me fan revisar unha opinión”.
Baixo o lema, Nin boas nin malas: nais, o encontro tamén serviu para reflexionar sobre as expectativas sociais que pesan sobre as mulleres e os cuestionamentos que afrontan cando priorizan a súa carreira profesional ou cando, pola contra, deciden dedicar más tempo á familia.
A xornada acolleu a mesa redonda Maternidade sen manual, na que participan Iria López, CEO de Bebé Ratón; Isabel Ares, responsable de Isabel Ares Peluquería Unisex; e Patricia Díaz, futbolista profesional e nai vinculada ao Real Avilés C.F. As tres comparten as súas experiencias sobre os retos de compatibilizar a vida familiar coas esixencias profesionais.
A saúde feminina ocupa tamén un lugar destacado no foro, coa participación de Vanessa Lora, xinecóloga especializada en reprodución asistida de EVALO, e Patricia Pontón, fisioterapeuta especializada en solo pélvico. As profesionais protagonizan o espazo Derribando mitos, construíndo realidades, unha proposta divulgativa e participativa que aborda cuestións relacionadas coa reprodución e a saúde da muller a través dun xogo de mito ou realidade no que tomará parte o público.
A ex ximnasta Almudena Cid, catro veces olímpica, pechou a xornada achegando a súa experiencia no deporte de elite, as esixencias profesionais e os retos que afrontan as mulleres deportistas ao longo da súa traxectoria.
A artista Laura LaMontagne puxo a banda sonora ao encontro, incorporando a música a unha xornada que foi concibida como un espazo para compartir experiencias, abrir debates e dar visibilidade a distintas realidades.