A Vicepresidencia da Deputación colabora co XXXVI Festival de Jazz de Lugo e patrocina o concerto do grupo vocal portugués “Jogo de Damas”
Lugo, 27 de outubro de 2026.- A deputada de Cultura, Iria Castro, participou na presentación da 36.ª edición do Festival de Jazz de Lugo, que tivo lugar esta mañá no Círculo das Artes, unha das sedes do Festival.
Nesta edición, o Festival contará cun total de 22 concertos, repartidos en catro espazos: o Círculo das Artes, o Auditorio Fuxan os Ventos, a Casa do Saber e o Club Clavicémbalo.
A Área de Cultura, ademais de manter a súa colaboración coa organización do Festival, patrocina, nesta ocasión, unha das actuacións, a da agrupación vocal portuguesa “Jogo de Damas”, creada en 2009, que lanzou o seu primeiro traballo discográfico en 2012. Durante o seu espectáculo poderán escoitarse tanto pezas a cappella como outras acompañadas por piano, contrabaixo e batería. O concerto terá lugar o venres 6 de novembro ás 20.30 horas no Círculo das Artes, con entrada gratuíta ata esgotar as localidades.
Iria Castro destacou que o Festival “sitúa Lugo no circuíto de jazz internacional, traendo grandes estrelas internacionais de moi diversas procedencias, e combinándo esta presenza con programar e poñer en valor o jazz feito aquí, mantendo a esencia galega”.
Ademais, para este XXXVI Festival edítase unha recompilación que recolle os carteis e os programas das anteriores edicións.
A venda de entradas en liña para os concertos de pago estará dispoñible a partir das 18.00 horas do martes 27 de outubro a través das plataformas Notikumi (para os concertos no Círculo das Artes e no Auditorio Fuxan os Ventos) e Woutick (para os concertos no Clavicémbalo). Tamén se poderán mercar no posto que se instalará ao fondo da Praza Maior a partir do 30 de outubro (de 12.30 a 14.00 e de 19.00 a 20.30).