A Deputación de Lugo dá os primeiros pasos para integrar os cinco GES no Consorcio Provincial de Bombeiros
As contas do vindeiro ano tamén incluirán partidas para reforzar o GES de Cervo con seis traballadores e para redactar o proxecto para un parque comarcal de bombeiros na Montaña
A presidenta da Deputación, Carmela López, xunto á deputada Pilar García Porto e persoal técnico da institución mantivo este xoves unha reunión con representantes dos GES (Grupos de Emerxencias Supramunicipais) para comunicarlles que, tal como se comprometeu públicamente hai uns meses, a Deputación está en condicións de iniciar o traballo coa Xunta de cara á integración destes grupos no Consorcio Provincial de Bombeiros, organismo do que forman parte ambas administracións.
A Deputación incluirá nos Orzamentos do próximo ano, que a presidenta presentará o vindeiro luns no Parlamento de Galicia, a partida económica que lle corresponde aportar á Deputación para esa integración. A outra metade debe ser consignada pola Administración autonómica, que hai uns meses solicitou a López unha proposta de reforma do Consorcio.
A Deputación conta xa con ese documento, cuxas liñas xerais deu a coñecer este xoves aos GES, representado a través da Agesga (Asociación de Bombeiros de Galicia). Inclúe unha proposta de integración tanto de medios materiais como persoais, unha proposta de estrutura organizativa e unha folla de ruta, que pasaría pola creación dunha mesa técnica para a reforma administrativa e estatutaria do Consorcio.
“Sabemos que o actual modelo precisa evolucionar para cubrir adecuadamente todo o territorio provincial e para poder facer fronte aos cambios que se están a producir en materia de emerxencias. E neste obxectivo, queremos avanzar no diálogo iniciado hai uns meses coa Xunta de Galicia”, afirmou a dirixente provincial.
Partidas para reforzar o GES de Cervo e crear un parque de bombeiros na Montaña
A presidenta da Deputación tamén informou aos representantes dos GES doutras dúas medidas dirixidas a mellorar e ampliar os servizos contra incendios e de emerxencias na provincia nas que a institución tamén provincial están dando pasos.
Os Orzamentos de 2027 recollerán partidas que permitirán ampliar o cadro do persoal do GES de Cervo, tal como veñen demandando os traballadores deste servizo e o propio Concello. A Deputación garantirá a parte que lle corresponde aportar para pasar de 12 a 18 traballadores.
Igualmente, López cumpre co compromiso de empezar a traballar para dotar os concellos da Montaña dun parque de Bombeiros, xa que se trata dunha comarca onde neste momento non é posible cumprir os tempos de resposta ante incendios ou outro tipo de emerxencias.
Aportacións e valoración dos representantes dos GES
A reunión cos representantes dos GES tamén serviu para que, unha vez máis, estes fixeran suxestións para revisar un modelo de atención ás emerxencias que quedou obsoleto e que ten eivas.
Os representantes dos GES celebraron as noticias que lles trasladou a presidenta provincial. “Para nós é un paso importante. Agradecemos o traballo e agardamos que esta sexa a primeira reunión de moitas”, Julio Rivero, presidente da Agesga.