Deputación de Lugo

O Plan Deputación chegará aos 25 millóns en 2027 e os anticipos elevaranse ao 80%

plan deputación
Orzamentos
Os fondos de cooperación cos concellos aumentarán en 2,75 millóns de euros segundo o acordo alcanzado polo goberno provincial. Recibirán máis diñeiro 63 dos 67 municipios

O Plan Deputación, principal instrumento económico que a institución provincial ten para cooperar cos concellos, alcanzará os 25 millóns de euros en 2027, ao crecer en 2,75 millóns.

Trátase dun crecemento histórico, un 12,4% respecto ao exercicio vixente, moi superior á suba de 250.000 euros que se viña producindo cada ano, en virtude ao acordo do goberno.

A aposta da presidenta da Deputación, Carmela López, para a próxima anualidade foi elevar o fondo, xa que os concellos cada vez deben facer fronte a máis desafíos e competencias -moitas veces impropias- para tratar de atender as necesidades dos seus veciños. 

A achega procedente da participación nos ingresos do Estado e a xestión económica da propia Deputación permiten afrontar esta suba.

Outra das novidades do Plan Deputación 2027, que se adopta para aumentar a súa eficacia, é que os anticipos aos concellos das partidas que lles corresponden a cada un deles poderán ser de ata o 80%, fronte ao 50% actual. Así, os concellos disporán dunha maior parte dos fondos desde o inicio para poñer en marcha as actuacións previstas.

O incremento e a mellora do Plan Deputación é un dos aspectos destacados dos Orzamentos de 2027 que López e o vicepresidente da institución, Efrén Castro, están a ultimar estes días co obxecto de sometelos a debate e aprobación do pleno este mesmo mes. As liñas xerais do documento, e as principais cifras, serán expostas pola presidenta da Deputación no Parlamento de Galicia este luns. 


Máis fondos para 63 dos 67 concellos

O Plan Deputación é a principal liña de cooperación económica da institución cos 67 concellos da provincia e unha das súas fortalezas é que son os propios concellos -os que mellor coñecen as necesidades do seu territorio- os que deciden a que destinan ese diñeiro. 

Os fondos do Plan Deputación permiten financiar obras e investimentos de competencia municipal e actuacións en ámbitos tan dispares e cruciais para a poboación como o Servizo de Axuda ao Domicilio (SAF), o emprego, a cultura, o deporte, a promoción turística, as feiras e mercados, a administración electrónica, a transparencia, a accesibilidade, a protección de datos e a protección civil. 

A proposta para 2027 mantén o modelo de reparto que recollen as bases do plan. A poboación ten un peso do 40 %; as entidades singulares de poboación, un 25%; a superficie, un 20 %, e o índice de envellecemento,  un 15 %. Mantense tamén a achega mínima de 150.000 euros por concello. 

O incremento chegará a 63 dos 67 concellos. Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba e Viveiro manterán os 600.000 euros que xa perciben, ao estar no máximo previsto no plan.

“O Plan Deputación é unha ferramenta fundamental para apoiar os concellos e atender as necesidades da veciñanza. Aumentamos os recursos e avanzamos o anticipo para que os municipios poidan contar antes cos fondos e executar os seus proxectos”, destaca a presidenta.

Igualmente, o vicepresidente, Efrén Castro, destacou o “interese compartido” do goberno provincial en dar un impulso substancial ao Plan Deputación. “Os recursos do Plan Deputación sosteñen a capacidade de investimento dos concellos, especialmente dos máis pequenos, que empregan estes fondos para financiar boa parte das obras de mantemento e melloras de insfraestruturas municipais.” “O Plan Deputación ofrece aos concellos un apoio estable a partir de criterios de distribución obxectivos”, salientou.