O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo chega a Sarria e supera os 12.600 tíckets rexistrados a 25 días de rematar a campaña
A campaña prolongarase ata o 30 de novembro e o sorteo do vehículo farase ante notario o 3 de decembro no Pazo de San Marcos
O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo suma xa 12.600 boletos rexistrados desde a súa posta en marcha, o pasado 20 de outubro. Cando faltan 25 días para o remate da campaña, a iniciativa impulsada pola Federación de Comercio co apoio da Deputación de Lugo, continúa sumando participacións e recibindo valoracións positivas por parte dos establecementos e da clientela.
A campaña chega este xoves a Sarria, onde se presentou o MG3 Hybrid+ que se sorteará entre as persoas participantes. O acto contou coa presenza do presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, o presidente do Centro Comercial Urbano de Sarria-ACES e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido. Deron a coñecer a evolución da iniciativa e, unha vez máis, destacaron a importancia de apoiar os negocios de proximidade.
Esta parada forma parte do percorrido que o vehículo está a realizar por diferentes localidades da provincia para achegar a campaña á cidadanía e dar visibilidade aos pequenos establecementos. Tras as visitas a Lugo, Burela e Sarria, o coche estará en Vilalba o vindeiro 12 de novembro e en Monforte de Lemos o día 26.
A iniciativa busca incentivar as compras no comercio local durante as semanas previas ao Nadal, un período especialmente importante para a actividade dos pequenos negocios.
Compras superiores a 10 euros para participar e sorteo ante notario o 3 de decembro
As persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos establecementos de comercio de proximidade da provincia de Lugo poden participar no sorteo rexistrando os seus tíckets na páxina web www.sorteocomercio.es/coche.
Ademais, os propios comerciantes teñen a posibilidade de rexistrar as compras en colaboración coa clientela. Esta modalidade permite obter unha participación adicional no sorteo. En ambos os casos, será necesario conservar ou fotografar o boleto como xustificante da compra.
O prazo para participar permanecerá aberto ata o 30 de novembro. O sorteo do MG3 Hybrid+ celebrarase o 3 de decembro, ante notario, no Pazo de San Marcos, en Lugo. A identidade da persoa gañadora darase a coñecer a través da web oficial da campaña.
Pablo Rivera: “Cada compra contribúe a xerar emprego”
Durante a presentación en Sarria, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou a importancia de apoiar os pequenos establecementos. “O comercio local é esencial para manter viva a actividade económica e social dos nosos concellos. Cada compra contribúe a xerar emprego, manter servizos e dinamizar a vida das vilas e ciudades”, sinalou.
Pola súa banda, o presidente da Federación de Comercio amosou a súa satisfacción pola evolución da campaña.