Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo terá en 2027 os maiores orzamentos da súa historia, de máis de 155M€

Orzamentos

A institución disporá de 155.241.120 millóns de euros, case un 15% máis que en 2026

O Plan Deputación sobe a 25 millóns de euros (2,75 millóns máis, fronte aos 250.000 habituais), con incrementos para 63 dos 67 concellos e anticipos do 50 ao 80%

O investimento en conservación e mellora de estradas sobe máis de 4 millóns de euros, ata 23,14 millóns. Se se suman todos os recursos destinados a rede viaria, a cifra aproxímase a 32 millóns

Destinaranse máis de 16 millóns de euros para continuar mellorando o funcionamento dos nove centros de atención a persoas maiores e para impulsar a construción e a apertura doutros seis

Haberá fondos para impulsar un parque de bombeiros na Montaña, para apoiar os concellos con drons e desfibriladores e para avanzar na integración dos GES no Consorcio Provincial de Bombeiros

Aumentan tamén os recursos para seguir compatibilizando o coidado do territorio co seu desenvolvemento, con máis orzamento para sectores clave, como o primario e o turístico

O goberno da Deputación de Lugo presentou esta mañá o orzamento do que disporá a institución para o vindeiro exercicio, o máis alto da historia, ao alcanzar 155.241.120 millóns de euros, case un 15% máis que o de 2026.

A presidenta da institución, Carmela López, e o vicepresidente, Efrén Castro, detallaron as contas acompañados do resto de deputados que forman o goberno, despois de que, hai uns días, López avanzara as liñas principais no Parlamento de Galicia. Na comparecencia parlamentaria, López fixo un chamamento para acordar un modelo de reparto dos fondos públicos aos concellos con criterios obxectivos, estables e públicos, tomando como espello o Plan Deputación. E nesa idea volveu incidir na presentación dos orzamentos ante os medios de comunicación.

“A provincia de Lugo necesita cooperación, planificación e compromiso”, afirmou a presidenta da Deputación, xa que 155 millóns de euros son insuficientes para poder facer fronte para impulsar a provincia e facerlle fronte aos enormes retos que ten, como a dispersión poboacional, o envellecemento e as eivas nas comunicación, remarcou.

20 millóns de euros máis

Os Orzamentos da Deputación para 2027, que o goberno someterá a debate e a aprobación no pleno este mes, contan con case 20 millóns de euros máis que os vixentes, fundamentalmente debido á participación nos tributos do Estado correspondente a este exercicio, que será de 17.689.088 euros e se materializará en 2027. 

Ese incremento permitirá elevar a cooperación económica directa cos concellos, a través do Plan Deputación, que crece en 2,75 millóns de euros, ata os 25 millóns. 

O incremento orzamentario tamén facilitará destinar máis recursos aos eixes cos que o goberno provincial trata de mellorar os servizos aos veciños e de reequilibrar e facer máis competitivo o territorio: as estradas, a atención ás persoas, a prevención e a resposta ás emerxencias e o apoio a sectores económicos que son vitais para a provincia. 

Nesta liña, o incremento do capítulo de investimentos reais do orzamento consolidado (Deputación e Consorcio de Bombeiros) será do 54,11%, ata os 30.114.483 euros. Se a esa contía se suman as aportacións que a Deputación fará a concellos e entidades de todo tipo (sociais, deportivas, culturais, centros docentes...) a través de distintos instrumentos, como o Plan Deputación, a cifra sitúase en 67.885.344 euros. A maiores, a esta cantidade hai que engadir o fondo que se reserva para continxencias e outros imprevistos, de 3.043.542 euros. O Orzamento total complétase cos gastos de persoal, instalacións e funcionamento, mediante os que a institución provincial garante servizos primordiais e estratéxicos, como a atención a persoas maiores, o apoio a sectores produtivos e a dinamización turística, entre moitos outros.

Plan Deputación: un incremento histórico

O Plan Deputación aumentará un 12,4% respecto a 2026, un crecemento moi superior á suba de 250.000 euros que se viña producindo cada ano, en virtude ao acordo do goberno. Recibirán máis diñeiro 63 dos 67 concellos, posto que os outros catro xa perciben a contía máxima.

Outra das novidades do Plan Deputación 2027, que se adopta para aumentar a súa eficacia, é que os anticipos aos concellos das partidas que lles corresponden a cada un deles poderán ser de ata o 80%, fronte ao 50% actual. Unha das fortalezas deste programa é que son os concellos os que deciden o destino dos recursos.

Pero a cooperación da Deputación cos concellos vai máis aló das aportacións económicas directas, xa que tamén os dota de capacidade técnica, a través do persoal da Deputación. Así mesmo, a institución continuará mellorando as súas ferramentas de funcionamento. A aplicación de recadación que está botando a andar recibirá case un millón de euros en 2027 e haberá tamén recursos (300.000 euros) para continuar avanzando en MencIA, a estratexia de intelixencia artificial propia que a Deputación lanzou este ano e que prevé despregar na súa totalidade, con aplicacións para os concellos, de aquí a 2030. 

Máis de trinta millóns para a rede viaria

A Deputación de Lugo ten a rede viaria máis extensa de todas as provincias españolas (4.217 quilómetros) e por iso unha parte importante dos orzamentos da institución irán destinados a estradas.

A partida de conservación e melloras chegará a 23.145.363 euros, máis de catro millóns superior á do exercicio actual (18.901.014 euros). Porén, os recursos que a Deputación destinará a infraestruturas viarias alcanzarán en total os 31.879.104 millóns de euros, se se ten en conta o parque móbil e a estrutura técnica.

Máis de 16 millóns para a atención a persoas maiores

Sen ser unha competencia propia da Deputación senón da Administración autonómica, o goberno que dirixe López continuará impulsando a construcción de centros de atención a persoas maiores. A este capítulo destinará 16.291.447 euros. Son 4.509.858 euros máis que en 2026 que permitirán continuar mellorando a calidade asistencial nas nove residencias que están en funcionamento (prevense novas prazas de persoal sanitario e técnico), así como seguir impulsando a construcción e a apertura de novos centros: A Pobra de Brollón, Becerreá, A Pontenova, Guitiriz, Ourol e Cervantes.

Na actualidade, as residencias da Deputación constan de 300 prazas, todas elas ocupadas, e dan emprego directo a case 300 persoas.

O compromiso da Deputación coa atención a persoas maiores vai máis aló e en 2027 volverá destinar fondos para o servizo de teleasistencia domiciliaria, que é gratuíto e atende a unhas 2.000 persoas, e para axudar os concellos co Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a través do Plan Deputación. No actual exercicio foron a ese fin uns 2 millóns de euros.

Reforzo do modelo de emerxencias: GES, parque de bombeiros na Montaña, drons e desfibriladores

O compromiso de Carmela López co reforzo do modelo de atención ás emerxencias na provincia -manifestado dende a súa chegada este ano á presidencia da Deputación- reflíctese nos seus primeiros orzamentos cun incremento do 18,37% dos recursos para esta fin. Serán en total 5.595.503 euros.

A achega ao Consorcio Provincial de Bombeiros en 2027 situarase en 4.623.203 euros, xa que se consignará diñeiro para seguir reforzando os medios materiais e humanos e para tratar de avanzar na integración dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) neste organismo. A Deputación conta cunha proposta xurídica e económica que está en disposición de trasladarlle á Administración autonómica, tal como esta lle demandou hai uns meses.

Os orzamentos reservan tamén unha partida para elaborar o proxecto para construir un parque de bombeiros na Montaña, unha zona na que a atención ás emerxencias non está suficientemente garantida polas distancias e a orografía, especialmente tras a desaparición dos GES nesta comarca.

Así mesmo, inclúense partidas para facer “totalmente” cardioprotexida a provincia de Lugo, dotando os concellos de desfibriladores, e para poñer á súa disposición un servizo de drons, non só para cuestións de seguridade senón para traballo técnico, en áreas como o urbanismo e o medio ambiente.

Medio Ambiente, Gayoso Castro, rutas fluviais…

A Deputación manterá en 2027 o apoio a sectores produtivos que son vitais para a provincia, como a gandeiría, a través de distintas fórmulas. Unha delas é a colaboración co campus universitario, que permite, entre moitas outras accións, que os seus alumnos poidan facer prácticas na Granxa Experimental de Leite Gayoso Castro. A esta instalación, que ademais presta servizos directos aos gandeiros, van destinados 2.735.695 millóns, un 22,4% máis que en 2026.

Igualmente, o turismo é un elemento motor da provincia. Ás rutas fluviais que a Deputación ofrece polo Miño e polo Sil irán destinados 1.632.408 millóns de euros, un 42% máis que neste exercicio. Á par, a Deputación seguirá facendo un esforzo especial no coidado da ampla superficie que abranguen as dúas Reservas da Biosfera que están ao seu cargo: Ancares e Terras do Miño, que suman 29 concellos e máis de 400.000 hectáreas. A elas irán 685.000 euros, un 29% máis que no actual exercicio.

Se se engaden os recursos asignados a parques e xardíns, protección e mellora do medio ambiente e centros de interpretación, a suma chega a 3.726.375 euros.

Efrén Castro: “Son unhas contas pensadas para a realidade dunha provincia extensa, dispersa e cunha poboación maior”

Ao igual que López, o vicepresidente da Deputación valorou o impulso ao Plan Deputación, cun incremento de 2,75 millóns de euros. “O goberno provincial asentouse nun acordo que fixaba como un dos obxectivos reforzar esta instrumento de cooperación cos concellos e culminamos o mandato cumprindo con este compromiso”, destacou.

Así mesmo, Castro destacou “os recursos destinados aos colectivos vinculados á cultura, ao deporte, á actividade agrogandeira e a conservación do patrimonio”, que suman 8 millóns de euros, entre axudas directas e programacións. Unha rede de apoio ao tecido asociativo que, sostivo, “fai da Deputación nunha administración máis permeable, máis aberta e máis útil para a veciñanza”.

Reforzo das políticas de medio rural

A área de Rural contará en 2027 con partidas que suman 3,2 millóns euros  e que consolidan o traballo de deseño de políticas públicas realizado ao longo destes anos para apoiar a actividade agrogandeira con iniciativas orientadas a desenvolver plenamente o potencial produtivo deste sector.

Os orzamentos consolidan partidas para os programas e liñas de axudas  como O que non arde, de fomento da gandería extensiva; Da Escola á Granxa, con actividades formativas para alumnado de infantil e primaria en granxas e pequenas producións alimentarias; Marela, de apoio a recría de Raza Rubia Galega ou Un gusto de rural, un rural de gusto, de promoción de produtos de razas autóctonas.

O reforzo orzamentario da área permitirá ampliar a cobertura destes programas, que se traducen en axudas directas aos produtores, e reforzar a colaboración coas asociacións agrogandeiras e de asesoramento, para impulsar vías de comercialización das producións agrarias ou  avanzar na profesionalización e na formación do sector ante o reto do cambio climático. 

Apoio a clubs deportivos e mellora de instalacións

O orzamento da área de Deportes contempla 4,6 millóns de euros para fomentar a actividade deportiva, que se canalizan, fundamentalmente, a través do apoio a clubs e que dan soporte económico tanto ao deporte de base e afeccionado como  ao deporte profesional e semiprofesional.

Ademais desta colaboración directa co tecido deportivo están as instalacións deportivas propias -o Pazo dos Deportes e o Anexo e Escola de Piraguismo-, que son fundamentais para o deporte na cidade e para os que se consignan 1,5 millóns de euros, destinados á subministración de servizos básicos e a continuar co plan de mellora e modernización das instalacións. 

Cultura: programación propia, colaboración con entidades e mellora dos museos

A área xestionada por Iria Castro manterá as liñas de traballo dos últimos catro anos, compaxinando o desenvolvemento de programacións propias para achegar a actividade cultural a todo o territorio co apoio ao tecido asociativo.

Os orzamentos para 2027 contemplan 1,6 millóns de euros para dotar distintas liñas de axuda a asociacións e a entidades dedicadas á promoción e á dinamización cultural, e 1,8 millóns de euros para a actividade organizada pola propia área, con circuítos de teatro afeccionado e profesional, o programa de difusión da música tradicional e popular Tradigalu, ciclos de cine, exposicións e actividades divulgativas nas que se prioriza a contratación de creadores e creadoras locais e a promoción da lingua.

A área de Cultura xestiona tamén a  Rede Museística – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Museo de Narla-, que contan cun orzamento global de 4,5 millóns de euros para a a programación e actividades e o mantemento dos edificios, tres deles Ben de Interese Cultural.

O Centro de Artesanía e Deseño contará con 1,8 millóns de euros, destinados ao funcionamento do propio centro, que alberga un importante patrimonio, e á promocion dos oficios artesáns, con iniciativas como o Mercado de Nadal, o Artesanfroilán e o programa de demostracións, cursos e oficios Mans Artesás.