O impacto do gas radón na saúde, a análise mañá na Deputación de Lugo
A conferencia, que terá lugar mañá ás 19:00 horas no Pazo de San Marcos, será impartida por Lucía Martín de Bernardo Gisbert, doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública e profesora da USC
A sesión enmárcase na XXXVII edición das Xornadas Luis Asorey, dedicadas nesta ocasión á análise das posibilidades terapéuticas dos recursos naturais desde a evidencia científica
Galicia é a comunidade con maior presenza de municipios afectados por altas concentracións de gas radón, o que supón un risco para a saúde derivado da exposición prolongada a este elemento radioactivo natural
O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá mañá, mércores 18 de novembro, ás 19:00 horas, unha nova conferencia das XXXVII Xornadas Luis Asorey que nesta ocasión estará dedicada á saúde ambiental e aos efectos da exposición ao gas radón sobre a saúde.
A sesión será impartida por Lucía Martín de Bernardo Gisbert, doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que abordará os riscos asociados á exposición a este gas radioactivo de orixe natural, así como as súas consecuencias para a saúde.
A provincia de Lugo, territorio de risco polo gas radón
Galicia é unha das comunidades máis expostas ao gas radón debido ás características do seu solo, que favorecen a presenza deste elemento radioactivo natural. Na provincia de Lugo, o 11 % das 651 vivendas nas que se realizaron medicións supera os 300 Bq/m³, o nivel de referencia establecido para os espazos interiores, segundo un estudo publicado en 2025 na revista científica Indoor Air.
Na cidade de Lugo, esta porcentaxe sitúase no 8% das 171 vivendas analizadas. Ademais, a presenza deste gas esténdese por boa parte do territorio provincial: 56 dos 67 municipios lucenses están incluídos nas zonas de actuación prioritaria fronte ao radón, segundo a clasificación do Consello de Seguridade Nuclear.
O radón xérase de forma natural no subsolo e pode entrar nas vivendas a través de gretas e outras aberturas, acumulándose especialmente en espazos pechados e pouco ventilados. A exposición prolongada a concentracións elevadas aumenta o risco de desenvolver cancro de pulmón, polo que coñecer a súa presenza e adoptar medidas para reducir a exposición resulta fundamental.
Da fitoterapia aos baños de bosque: a ciencia detrás dos remedios naturais
A conferencia forma parte da XXXVII edición das Xornadas Luis Asorey, patrocinadas pola Deputación de Lugo e organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias, que se desenvolven este ano baixo o título A medicina natural: de remedios tradicionais a evidencias científicas. O ciclo reúne a especialistas de diferentes ámbitos co obxectivo de analizar as posibilidades terapéuticas dos recursos naturais e examinar o fundamento científico das súas aplicacións no ámbito da saúde.
O programa comezou o pasado 9 de novembro con conferencias sobre fitoterapia, cura balnearia e o potencial medicinal dos compostos mariños das microalgas. Así mesmo, nas sesións dos días 16 e 17 abordáronse a micoterapia e o cultivo e comercialización de plantas medicinais, respectivamente.
Tras a conferencia de mañá sobre o gas radón, o programa pecharase o xoves 19 de novembro coa participación de Mercedes Rois Díaz, doutora en Enxeñaría de Montes e fundadora e CEO de Raíces-Reconecta contigo, que abordará a relación entre os espazos forestais e a saúde a través dos baños de bosque.
As XXXVII Xornadas Luis Asorey celébranse no salón de actos do Pazo de San Marcos en horario de 19:00 a 21:00 horas. A participación é gratuíta e pode realizarse tanto de maneira presencial como en liña, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación https://www.youtube.com/@FUNDACIONTIC. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición no seguinte formulario: https://forms.gle/WGqsBKouo8nN8mHa6.