Deputación de Lugo

Sobria e Serena abren mañá a programación do 25N con humor con perspectiva feminista

O dúo galego Sobria e Serena presentará mañá o monólogo Risas con perspectiva feminista, mentres que o domingo Estíbaliz Veiga protagonizará a peza teatral Golpes, que incluirá unha reflexión sobre a pedagoxía do consentimento

A programación continuará o 25 de novembro coa lectura do manifesto institucional e unha acción simbólica do alumnado da Escola de Formación Audiovisual, e estenderase ata o 10 de decembro con actividades en Vilalba e Lugo protagonizadas por Marina Marroquí e Amelia Tiganus

A Deputación de Lugo dará comezo mañá, sábado 21 de novembro, á programación gratuíta organizada arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha proposta que combina humor e reivindicación feminista. O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá ás 19.00 horas o monólogo Risas con perspectiva feminista, do dúo galego Sobria e Serena.

Arantxa Treus e Jazmín Abuín, actrices e humoristas, construíron un percorrido nos escenarios galegos a partir dun humor irreverente, próximo e cotián. A través dos seus monólogos, do teatro e da súa presenza nas redes sociais, abordan cuestións de actualidade cunha mirada feminista e chea de retranca. Nesta ocasión, levarán ao público unha proposta que emprega a comedia como ferramenta para cuestionar estereotipos e reflexionar sobre as desigualdades de xénero.

A programación continuará o domingo, 22 de novembro, ás 12.00 horas, tamén no salón de actos do Pazo de San Marcos, coa representación de Golpes, unha peza da compañía galega aAntena, escrita e dirixida por Xosé Leis e protagonizada pola actriz luguesa Estíbaliz Veiga.

A obra relata a historia de Pamela, unha moza que, a través de situacións cotiás, vai cedendo espazo e liberdade ata converterse nunha vítima de violencia machista. A proposta busca que o público identifique os micromachismos e os primeiros sinais de violencia que poden agocharse nas relacións afectivas, así como os estereotipos de xénero e os mitos do amor romántico que contribúen a normalizalos.

Tras a representación desenvolverase unha análise audiovisual e un debate guiado, ademais dunha sesión sobre a pedagoxía do consentimento e a coordinación de intimidade no audiovisual, un ámbito no que Estíbaliz Veiga conta cunha destacada traxectoria profesional. A actriz luguesa participou como coordinadora de intimidade en producións de Netflix. Durante o encontro explicará como se preparan as escenas íntimas no audiovisual, desde a lectura do guión e os ensaios ata a rodaxe e a montaxe, garantindo que as persoas intérpretes coñezan e poidan pactar os seus límites e que o consentimento sexa libre, informado e reversible.
A sesión abordará tamén cuestións como a liberdade de decisión, a comunicación, o respecto aos límites propios e alleos, a presión de grupo e a responsabilidade afectiva, co obxectivo de ofrecer ferramentas para construír relacións máis libres e igualitarias.

O manifesto do 25N dará paso ás actividades con Marina Marroquí e Amelia Tiganus

A programación continuará o mércores 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, coa lectura do manifesto institucional por parte da deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e a acción simbólica En camiño contra as violencias, protagonizada polo alumnado da Escola de Formación Audiovisual da Deputación, que conmemora o décimo aniversario do proxecto.

O venres 4 de decembro, ás 10.30 horas, o auditorio municipal de Vilalba acollerá o monólogo Esto no es amor, de Marina Marroquí, dirixido ao alumnado de Secundaria e Bacharelato e que xa supera as 400 inscricións de centros da Terra Chá e da Mariña. Educadora social e supervivente da violencia machista na adolescencia, Marroquí emprega o humor para desmontar os mitos do amor romántico e axudar a identificar as condutas de control nas relacións.

O ciclo pecharase o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, coa intervención de Amelia Tiganus no salón de actos da Deputación, ás 19.00 horas. A escritora e activista feminista, supervivente da trata de mulleres con fins de explotación sexual, abordará a violencia sexual e a explotación das mulleres desde unha perspectiva de defensa dos dereitos humanos. Autora de obras como La revuelta de las putas, Tiganus é unha das voces de referencia na análise crítica da violencia sexual e da explotación das mulleres. 

Todas as actividades serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.