A Deputación e Cadena Ser reunirán en Lugo a Pedro Piqueras, Benjamín Prado e Carlos Blanco nun encontro sobre madurez activa
O Círculo das Artes de Lugo acollerá o encontro 8000 Días, sobre como vivir máis e mellor, o vindeiro 22 de decembro ás 19:00 horas. As entradas, gratuítas, poden solicitarse a través deste enlace: https://www.eventbrite.es
O xornalista Pedro Piqueras, o escritor Benjamín Prado e o humorista Carlos Blanco visitarán Lugo o vindeiro 22 de decembro para participar no encontro 8000 Días que organiza a Cadena Ser coa Deputación de Lugo. O evento será de carácter aberto e gratuíto e celebrarase no salón rexio do Círculo das Artes, ás 19.00 horas. A finalidade é reivindicar a madurez como unha etapa de novas oportunidades, participación e desenvolvemento persoal.
O encontro reunirá voces coñecidas e recoñecidas do panorama cultural e xornalístico estatal e contará tamén coa participación de convidadas locais. Pedro Piqueras, Benjamín Prado e Carlos Blanco teñen traxectorias de varias décadas no xornalismo de radio e televisión, no teatro e no cine.
A xornada estará conducida pola catedrática Yolanda de la Fuente, experta en envellecemento, dependencia e accesibilidade, que ofrecerá tamén unha conferencia interactiva sobre os retos e as oportunidades dunha sociedade cada vez máis lonxeva.
8000 Días é unha proposta que sitúa no centro do debate público un dos grandes desafíos sociais do presente e do futuro: o envellecemento da poboación e a necesidade de construír unha sociedade na que vivir máis anos vaia acompañado de máis benestar, autonomía, participación e calidade de vida.
Esta reflexión ten unha especial relevancia na provincia de Lugo, onde as persoas maiores de 60 anos representan arredor do 40% da poboación. Unha realidade que fai necesario avanzar en respostas que teñan en conta as necesidades das persoas maiores, pero tamén o seu papel fundamental na sociedade, o seu coñecemento, a súa experiencia e a súa capacidade para seguir contribuíndo á vida colectiva.
Unha nova maneira de entender esta etapa
8000 Días propón unha mirada positiva e activa sobre esta etapa vital, afastada dos estereotipos e centrada nas posibilidades que ofrece. A través de conversas, testemuños e espazos de participación co público, abordaranse cuestións como o benestar físico e emocional, os novos modelos de convivencia, as viaxes, a cultura, a gastronomía e o desexo de seguir aprendendo, creando e compartindo experiencias.
A proposta encaixa coa importancia de situar as persoas no centro das políticas públicas e de promover iniciativas que favorezan unha sociedade máis inclusiva, participativa e preparada para os cambios demográficos.
Como conseguir a invitación
A asistencia é gratuíta, aínda que será necesario descargar previamente a invitación debido ao aforo limitado do salón rexio do Círculo das Artes.
As invitacións xa están dispoñibles a través deste enlace: https://www.eventbrite.es.