A Granxa Experimental de Leite que a Deputación de Lugo puxo en marcha na finca Gayoso Gastro é unha instalación pioneira, ao tratarse do primeiro centro público experimental de Galicia que aúna formación e investigación sobre o sector lácteo. A Deputación destinou 1,2 millóns de euros para a súa construción e dotación de equipamento, unha cantidade que supón o 90% do investimento necesario. O Campus Terra da USC achegou o 10% restante, e a institución provincial asume ademais o 100% dos gastos de funcionamento.
Esta nova infraestrutura de primeiro nivel no material e no profesional está en pleno funcionamento e acolle a alumnos e alumnas do Campus Terra que completan e melloran deste xeito a súa formación.
A Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castro da Deputación ten como obxectivo poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo dos gandeiros e das gandeiras da provincia, de todo o sector primario, e do desenvolvemento do rural. Nesta granxa analízanse todos os parámetros e os problemas das explotacións gandeiras para despois ofrecerlle ao sector primario pautas de mellora e solucións.
As novas instalacións creadas pola Deputación coa colaboración da USC, contribuirán ao desenvolvemento económico da provincia a través do impulso dun sector produtivo esencial para a nosa provincia, como é o lácteo, no que somos unha potencia a nivel do Estado; e tamén contribuirán a afianzar a posición da provincia no mapa do ensino superior europeo, a reter o talento dos mozos e mozas, e a fixar poboación no rural.
As instalacións están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, e ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas, e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón. Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna da Granxa Experimental, investindo preto de 140.000 euros, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura. Instalouse unha sala de muxido que ten capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combina co pastoreo, un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite. Incorpora un conxunto de medidas de benestar animal, entre as que se inclúen o cepillo rotativo, cornadizas, cubículos e galbanizados. O centro conta cunha zona de observación, que facilita a visión total da instalación, un aspecto útil á hora de desenvolver as prácticas.