CONCURSO FOTOGRAFÍA RESERVAS DA BIOSFERA
A VIII Edición do Concurso de Fotografía terá como fío condutor nesta edición do 2025 “O patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses”, coa finalidade de poñer en valor, dar a coñecer e divulgar o patrimonio etnográfico material representativo do aproveitamento sostible dos recursos naturais destas Reservas da Biosfera.
Neste particular cómpre aclarar que a temática “Patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses” inclúe, entre outros bens, hórreos, muíños, aceas, lavadoiros, fontes, pontellas, cortíns, pallozas e outras construcións tradicionais, que constitúen a pegada dos nosos devanceiros e o seu bo facer á hora de aproveitar os recursos dun xeito sostible sen comprometer á súa persistencia ou esgotamento.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios/as dos premios da presente convocatoria as persoas físicas maiores de idade que estean interesadas, de nacionalidade española ou residentes legais en España, que cumpran cos seguintes requisitos:
Ser maior de idade, de nacionalidade española ou residente legal en España.
Estar ao corrente nas obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica, así como estaren ao corrente coas obrigas coa Seguridade Social e coa Deputación Provincial, asinando a declaración responsable contida no Anexo I desta convocatoria.
Os establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e aplicables no presente caso.
Non poderán participar neste VIII Concurso os beneficiarios dos tres premios da edición anterior.
A persoa que presente unha fotografía ao Concurso deberá ser o autor da mesma.
Premios
A contía total do concurso será de 1.600,00 euros divididos en tres premios:
1er Premio: 800,00 euros
2º Premio: 500,00 euros
3er Premio: 300,00 euros
Prazo de presentación
O prazo de presentación de solicitudes será de 2 meses naturais, a contar a partir do día seguinte da publicación no BOP de Lugo do extracto da presente convocatoria e bases.
Forma de presentación
As solicitudes dirixiranse ao Presidente e, xunto coas fotografías, presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Lugo, Praza San Marcos, 8 (27001 - Lugo) ou se remitirán por correo postal certificado, ademais do resto de opcións recollidas conforme ao establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, a:
DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO
Rexistro Xeral
“CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DAS RESERVAS DA BIOSFERA TERRAS DO MIÑO E OS ANCARES LUCENSES”
Praza San Marcos nº 8, 27001-LUGO
No caso de presentar a solicitude de participación nun rexistro distinto ao da Deputación Provincial de Lugo, deberá remitirse na mesma data da presentación un correo electrónico ao enderezo und.medioambiente@deputacionlugo.org no que se achegue o xustificante da presentación da solicitude no rexistro correspondente.
A documentación a presentar é a seguinte:
O Anexo I “Solicitude de participación”
Copia do DNI ou documento que legalmente o substitúa.
Un sobre pechado rotulado no exterior coa frase “CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DAS RESERVAS DA BIOSFERA TERRAS DO MIÑO E OS ANCARES LUCENSES” e o lema ou título da fotografía, sen outras identificacións persoais, no que se incluirá a fotografía en papel e no soporte dixital (CD-ROM ou memoria USB).
A fotografía para concurso será presentada sen montar, sen enmarcar e sen passe - partout, e poderá ser realizada en branco e negro ou en cor. A fotografía terase que presentar do seguinte xeito:
Entregarase un CD-ROM ou unha memoria USB coa imaxe en formato TIFF, modo de cor RGB. O arquivo terá un tamaño mínimo de 15 Mb. No mesmo CD-ROM ou memoria USB deberá existir unha copia da fotografía cun tamaño aproximado de 1,2 Mb comprimidas co formato JPEG (.jpg) en modo de cor RGB.
Será necesario acompañar unha copia da fotografía en papel fotográfico cun tamaño de 24x30 cm, ocupando a imaxe a totalidade do papel sen ningún tipo de marco, especificando claramente na parte traseira da fotografía o título ou lema, non podendo figurar nome, sinatura ou calquera outra identificación do participante.
Documento bancario. Documento emitido pola entidade bancaria no que se indique o número de conta na que se procederá, no seu caso, ao abono do correspondente premio e no que necesariamente figurará o solicitante como titular.
Outros datos
As obras deben ser inéditas e non poden ter sido premiadas con anterioridade.
Deberase presentar unha única fotografía por solicitante, quedando excluídas do presente procedemento aquelas persoas que presentasen mais dunha fotografía ao concurso, ben nunha mesma solicitude ou en varias.
A fotografía poderá ser realizada en branco e negro ou en cor, e deberá presentarse seguindo os requisitos da base quinta.
Os autores das obras premiadas cederán a favor da Deputación Provincial de Lugo todos os dereitos patrimoniais destas, en especial os dereitos de exposición, publicación e calquera outros relacionados coa difusión, citando sempre o nome do autor. Estes dereitos estenderanse a un período total de trinta anos.
En ningún caso se devolverán as fotografías aos participantes no concurso.
Documentos da convocatoria