O Goberno da Deputación inviste 6.000 euros na promoción do pemento de Mougán

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e o Alcalde de Guntín, Jesús Carreira Ferreiro, presentaron este mércores na carballeira de Meixaboi a XVI edición da Festa do Pemento de Mougán, que terá lugar o 26 e 27 de agosto. O Goberno Provincial colabora co Concello na organización desta cita, cunha achega de 6.000 euros. Faino para contribuír á promoción deste produto autóctono, que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida. De feito, o Executivo da Deputación tamén colabora coa Asociación de Produtores do Pemento de Mougán mediante outras axudas económicas que facilitan a súa actividade.
García Porto explicou que o Goberno da Deputación contribúe á promoción do pemento de Mougán no marco do seu Plan Estratéxico de Turismo da provincia, que define a promoción dos produtos autóctonos dos Concellos lugueses, como un factor de singularidade turística, capaz de atraer visitantes e xerar riqueza na provincia.
A Festa do Pemento de Mougán é unha boa oportunidade para por en valor a riqueza gastronómica da nosa provincia, a súa variedade e calidade. Agardamos que, como en anteriores edicións, sexan ducias e ducias as persoas que degusten os pementos únicos da terra de Guntín, que, grazas ao esforzo dos seus produtores, contan co distintivo comunitario e están inscritos no Rexistro Comunitario de Denominacións de Orixe Protexida e Indicacións Xeográficas Protexidas, subliñou a Deputada.
Un produto de primeira calidade
O pemento de Mougán conta co selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) dende o ano 2014. A súa zona xeográfica tradicional de produción e elaboración é, precisamente, o nome da parroquia de Mougán, no Concello de Guntín. Unha característica que os diferenza dos pemento de Ourense e de Padrón é o feito de que cando nacen estes fano cara arriba, ao contrario que os dos seus homólogos galegos.