Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente asina un convenio en Vilalba para dotar de equipamento ao equipo inclusivo do Real Racing Genuine

sinatura
convenio
Vilalba
José Tomé e o Presidente do Club vilalbés formalizaron o acordo este martes no campo de fútbol A Roca, a través do cal a institución provincial achega 3.800€ á entidade para a adquisición de equipacións, balóns e material técnico deportivo

“Con este convenio reafirmamos o noso compromiso coa inclusión real, e co deporte como unha ferramenta poderosa de transformación social”, destacou o Presidente quen subliñou que este apoio “supón un paso pioneiro na provincia ao ser o primeiro equipo non profesional de persoas con diversidade funcional”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Presidente do Racing Club Vilalbés, Francisco Ruiz Rey, asinaron este martes no campo de fútbol A Roca da capital chairega un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega 3.800 euros para dotar de equipamento completo ao equipo Real Racing Club Genuine Vilalba. 

A achega económica permitirá ao club adquirir equipacións de xogo, de adestramento e de viaxe, así como balóns e material técnico deportivo, necesarios para o desenvolvemento do equipo e a súa participación na Liga A Nosa Champions, unha competición autonómica inclusiva promovida pola Real Federación Galega de Fútbol.

No acto de sinatura, no que o mandatario provincial estivo acompañado tamén pola Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, representantes do club, e xogadores do equipo Genuine, subliñou que “con este convenio desde a Deputación de Lugo reafirmamos o noso compromiso coa inclusión real, e co deporte como unha ferramenta poderosa de transformación social”

José Tomé Roca resaltou ademais o carácter pioneiro da iniciativa, ao tratarse do primeiro equipo non profesional da provincia formado exclusivamente por persoas con diversidade funcional. “Este proxecto merece todo o noso recoñecemento, apoio e visibilidade pública. Non estamos só diante dun novo equipo, senón dun importante avance social. É un auténtico orgullo que Vilalba conte cun equipo como o Racing  Genuine, que serve de exemplo en Galicia e tamén no resto do Estado”, declarou. 


O Presidente provincial quixo agradecer e felicitar ao club chairego polo seu compromiso firme coa inclusión e “por demostrar que desde o deporte de base tamén se pode facer país, e por crer, sen matices, na capacidade de todas as persoas”

Unha aposta pola inclusión deportiva

O Real Racing Club Genuine Vilalba é unha iniciativa pioneira na provincia que xurdiu do convenio entre o Racing Club Vilalbés e o Real Racing Club de Santander, dentro da filosofía de LaLiga Genuine. Este proxecto promove unha práctica deportiva adaptada baseada na integración, igualdade e participación sen exclusión. O Racing Club Vilalbés, fundado en 1931, é o primeiro club non profesional da provincia de Lugo que impulsa unha iniciativa real de inclusión de persoas con diversidade funcional a través do deporte.