La buena mentira pon fin ás actividades que Accem e a Deputación ofreceron na Semana dos Refuxiados
O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos e a Representante Territorial de ACCEM en Lugo, Fany Sánchez González, presentaron a proxección de La buena mentira, actividade que puxo fin á programación que Accem e Deputación ofreceron durante os días 20, 21 e 22 de xuño, con motivo do Día Mundial dos Refuxiados. Durante estes días estiveron dispoñibles en librarías e bibliotecas da cidade de Lugo mesas temáticas con libros sobre migración, asilo, refuxiados... tamén houbo unha exposición fotográfica no MUPI de San Marcos.
Álvaro Santos deu a benvida a todos os que hoxe estades aquí para a visualización da película e tamén para escoitar a MehariTsfalm na charla sobre a súa experiencia persoal. Nós desde o Goberno Provincial comprometémonos a axudar a aquelas persoas que se ven obrigadas a fuxir dos seus fogares en busca dun lugar seguro por causa da violencia e da guerra. Ademais implicámonos na creación dun pensamento crítico e unha concienciación por parte dos nosos veciños, para que se dean conta de cal é a realidade que se vive noutros países.
Sánchez González agradeceu a colaboración da Deputación e a dos veciños por apoiar estas actividades que espero que haxan servido para a sensibilización da situación que se está a vivir actualmente.
Desenvolvemento da xornada
Santos Ramos e Sánchez González presentaron esta proxección que clausurou a Semana do Refuxiado, unha película coa que se busca sensibilizar á sociedade sobre a realidade que atravesan as persoas refuxiadas e migrantes hoxe en día. A película que se emitiu foi La buena mentira. Tras o debate sobre o filme, houbo unha charla a cargo dos representantes do Servizo Xurídico, Atención Psicolóxica e de Acollida Temporal de Accem e o refuxiado MehariTsfalm que falou sobre a súa experiencia persoal. A continuación disto, proxectouse un vídeo de fotografías e púxose fin ao acto despois das ponencias finais de Rebeca Somoza do Servizo de Idioma de Accem, Mohamed Said Hamdad o fotógrafo que expuxo as súas obras no MUPI de San Marcos e por último de Fany Sánchez González a Representante de Accem.
La buena mentira
É unha película do ano 2014 dirixida por Philippe Falardeau inspirada en feitos reais que trata dun refuxiado da guerra civil sudanesa que convive nos Estados Unidos con outros mozos sudaneses. Tras a súa chegada a América, eles coñecen a Carrie, unha traballadora social que, consciente da súa traxedia, trata de ensinarlles como deben desenvolverse nun mundo tan distinto ao seu.