A X Feira de Artesanía e Etnoloxía do Incio promove a cultura e a artesanía coa colaboración da Deputación
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto coa alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos a X edición da súa feira de artesanía e etnoloxía, que terá lugar este mesmo domingo e que este ano terá como temática as vodas tradicionais. Trátase dunha cita que reúne máis de 50 artesáns de todo tipo e que o Goberno Provincial impulsa cunha achega de máis de 10.000 euros para financiar a festa e o concerto da cantante Lucía Pérez, que presentará o seu novo disco. Tamén colabora a través do CentrAD cunha demostración de cestaría.
Rivera Capón quixo recordar que este é un evento importante para o Concello do Incio, dado que reunirá preto de 50 postos artesanais, e servirá para por en valor as tradicións, neste caso as vodas, da comarca, converténdose nun evento lúdico e festivo con gran valor cultural e tamén nun evento que reunirá visitantes do resto da provincia neste municipio, dinamizando a súa economía e potenciando o seu turismo.
Pola súa parte, a Alcaldesa quixo agradecer ao Goberno Provincial o seu apoio incondicional á cultura da nosa provincia e, de forma especial, naqueles Concellos rurais e con menos habitantes. Ademáis, aproveitou para convidar a todos os visitantes a descubrir e coñecer todo o que ten que ofrecer o noso Concello.
A Feira, que este ano se titula Vai de vodas, terá ao longo do día como fío condutor as vodas, que estarán presentes en varias das actividades que se levarán a cabo ao longo do día como na homenaxe aos matrimonios de ouro do Concello, unha representación teatral dunha voda tradicional, oferta de Rosca de voda de balde entre os asistentes, baile ou brindis. O Programa completo da feira é o seguinte:
Pola mañá:
- Ás 11:30 horas: Apertura dos postos da Feira.
- Ás 12:30 horas: Pasarúas a cargo da Agrupación de música tradicional Os Trastiños e da Asociación Cultural Abrente das Nogais.
Pola tarde:
- Ás 16:30 horas: Programa de radio en directo Digan o que digan, os veciños opinan e actuación musical da Agrupación de música tradicional Os Trastiños.
- Ás 17:30 horas: Representación teatral Vai de Vodas a cargo da Asociación Cultural Abrente das Nogais. Haberá rosca de voda de balde, brindis, baile e homenaxe aos matrimonios de ouro do Concello.
- Ás 20:00 horas: Concerto de Lucía Pérez no que a cantante do Incio presenta o seu novo disco quince soles.
Ao longo da xornada tamén haberá obradoiros artesanais de instrumentos musicais,; cestaría, pertencentes ao CentrAD da Deputación; e confección de traxes; exposición fotográfica Vodas do Incio e degustación gratuíta de sidra na caseta do Concello.