Deputación de Lugo
Economía
Infraestruturas

O Presidente e o Alcalde asinan un protocolo para transformar un dos accesos principais á cidade de Lugo pola Fervedoira

JOSE TOMÉ
concello de lugo
Cooperación cos Concellos
infraestruturas
José Tomé Roca avanzou que a Deputación redactará o proxecto e colaborará co seu financiamento para contribuír ao crecemento da capital lucense na zona leste, “que ten un papel clave no desenvolvemento urbano, xa que conectará coa nova intermodal”

“Seguimos traballando da man do Concello para construír un Lugo máis accesible, moderno e pensado para as persoas”, subliñou o mandatario provincial, que enmarcou este novo apoio no compromiso da institución coa cooperación aos concellos

Miguel Fernández anunciou que esta actuación xa conta cunha asignación orzamentaria no presuposto municipal deste ano e que grazas a esta colaboración “os veciños e as veciñas contarán antes con esta renovación tan importante”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinaron este mércores na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un protocolo de colaboración para levar a cabo unha renovación integral da Avenida Adolfo Suárez, un dos principais accesos á capital lucense pola zona da Fervedoira. 

A sinatura deste protocolo, anunciou José Tomé, “será o primeiro paso para a transformación dun espazo estratéxico da cidade, contribuíndo ao crecemento da capital lucense na zona leste da cidade, que ten un papel clave no desenvolvemento urbano, xa que será unha das principais conexións coa futura Estación Intermodal dende a autovía A-6”.

Avanzou o mandatario provincial que a Deputación colaborará no financiamento da actuación e na redacción do proxecto final que elaborará o servizo de Vías e Obras da institución provincial, e que será aprobado nas vindeiras semanas pola Xunta de Goberno. A partir de aí, ambas administracións avanzarán na sinatura dun convenio para desenvolver o proxecto definitivo.

“Hoxe damos un paso importante para mellorar un dos accesos máis relevantes da cidade, tanto pola súa funcionalidade como pola súa proxección de futuro”, sinalou José Tomé, quen subliñou que desde a Deputación, “seguimos traballando da man do Concello para construír un Lugo máis accesible, moderno e pensado para as persoas”, subliñou o mandatario provincial, que enmarcou este novo apoio no compromiso da institución coa cooperación aos concellos.

Pola súa banda, o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, agradeceu o compromiso da Deputación cun proxecto que xa conta cunha dotación económica nos orzamentos municipais deste ano. “A colaboración institucional permite que esta intervención se poida executar nun horizonte temporal máis curto e cunha maior axilidade. É un proxecto que responde ao modelo de cidade que defendemos: cómoda, conectada e pensada para as persoas”.

Segundo informou o rexedor lucense, esta intervención desenvolverase por fases e permitirá, “ademais de mellorar o aspecto visual da zona, reorganizar espazos, garantir a accesibilidade e favorecer unha mobilidade máis eficiente e segura”. O obxectivo é recuperar este ámbito como un espazo amable, accesible e funcional, que sirva tamén para dinamizar os barrios da contorna.

“A entrada pola Fervedoira ten un gran potencial urbanístico e social. Queremos poñelo en valor cunha intervención que contribúa a crear unha contorna máis segura, moderna e integradora”, concluíu Miguel Fernández.