Os 100 usuarios de Down Lugo ampliarán as súas instalacións grazas a unha achega da Deputación de 30.000 euros
O Presidente destacou que “enmarcamos esta achega provincial dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, promovendo e colaborando co tecido asociativo lucense, que presta un enorme servizo social á cidadanía”
Ademais desta colaboración, o Goberno da Deputación destina a Down Lugo outros 12.000 euros para o desenvolvemento dun plan de autonomía persoal co obxectivo de que os usuarios teñan unha vida fóra dos fogares máis independente
O Presidente, Darío Campos Conde, informou que o Goberno da Deputación colaborará na ampliación das instalacións da Asociación Down Lugo, que empregan acotío un 100 usuarios, cunha achega de 30.000 euros. Así o informou logo de asinar o convenio de colaboración coa Presidenta deste colectivo, María José Blanco Freire. Trátase dunha axuda coa que a Asociación poderá adquirir o local anexo á sede actual, o que lles permitirá ampliar a súa sede, e polo tanto mellorar a calidade do servizo que ofrecen, pois as instalacións das que dispoñen hoxe en día son insuficientes.
Campos Conde destacou que “enmarcamos esta colaboración provincial dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, promovendo e colaborando co tecido asociativo lucense, que presta un enorme servizo social. Beneficiaranse destas melloras tanto os 100 usuarios que desfrutan destas instalacións, que van dende nenos de 4 anos ata a adultos de 61, procedentes de diversos Concellos lucenses; así como os 14 profesionais -2 psicólogas, 2 pedagogas, 2 diplomadas en maxisterio, 2 logopedas e 5 educadores sociais- que traballan nas mesmas ofrecendo atención profesional aos usuarios”.
Down Lugo conta na actualidade cun local de 214 metros cadrados, nos que ofrece servizos destinados aos usuarios con Síndrome Down e ás súas familias, cun amplo catálogo de actividades, que van desde a logopedia e a formación en informática ata o asesoramento familiar ou a preparación de oposicións. Grazas á colaboración da Deputación, poderán adquirir un novo local de 164 m2 que se engadirán a estas instalacións, o que suma no seu conxunto un espazo de 378 metros.
Máis colaboracións con Down Lugo
Ademais desta colaboración, o Goberno da Deputación destina a Down Lugo outros 12.000 euros para o desenvolvemento dun plan de autonomía persoal co obxectivo de que os usuarios teñan unha vida fóra dos fogares máis independente. A Asociación Síndrome de Down de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro con ámbito de actuación provincial, que integra a persoas con Síndrome de Down e ás súas familias. O obxectivo principal da asociación é a promoción e realización das actividades que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con Down, a través da súa plena integración social.