A Deputación mellora a estrada que comunica Lanzós, San Simón da Costa e Vilapedre co núcleo urbano de Vilalba

O voceiro do Goberno subliñou que “trátase dunha arteria de comunicación fundamental pois ademais de conectar con estas parroquias, dá acceso ao cemiterio e ao polígono industrial, e tamén une o municipio de Vilalba co de Viveiro”
“Ademais de ser empregada a diario por centos de veciños, esta estrada tamén concentra un importante tráfico de vehículos pesados, pois na parroquia de San Simón da Costa sitúanse as queixerías da Denominación de Orixe”, engadiu
Os traballos, que consistirán na limpeza de cunetas, renovación do firme con aglomerado en quente e renovación da sinalización horizontal e vertical, levaranse a cabo nun treito de 1,5 quilómetros, do punto quilométrico 0,6 ao 2,1
O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, supervisou este venres o inicio das obras de mellora da estrada LU-P-6502, de Vilalba (LU‐118) por A Balsa a Chavín (LU‐161), que financia o Executivo da Deputación cunha achega de 44.300 euros. Estes fondos permitirán a renovación do firme nun treito de 1,5 quilómetros, beneficiando directamente aos máis de 600 veciños da parroquia de Lanzós, unha das máis grandes do Concello, así como aos veciños das parroquias de San Simón da Costa e de Vilapedre, coas que tamén comunica.
Santos Ramos subliñou que “trátase dunha vía de comunicación fundamental para os veciños de Vilalba, pois é a estrada que comunica as parroquias de Lanzós, San Simón da Costa e Vilapedre co casco urbano. Ademais, dá acceso ao cemiterio municipal e ao polígono industrial, e tamén une este municipio co de Viveiro. Con estas actuacións, polo tanto, beneficiamos ao conxunto dos veciños de Vilalba e, particularmente, aos da parroquia de Lanzós, onde se están a executar as obras”.
O voceiro engadiu que “ademais de ser empregada a diario por centos de veciños, esta estrada tamén concentra un importante tráfico de vehículos pesados, pois na parroquia de San Simón da Costa sitúanse as queixerías da Denominación de Orixe, polo que é frecuente a entrada e saída de camións, de aí a importancia das obras que financiamos dende o Goberno da Deputación”.
Os traballos, que consistirán na limpeza de cunetas, renovación do firme con aglomerado en quente e renovación da sinalización horizontal e vertical, levaranse a cabo nun treito de 1,5 quilómetros, do punto quilométrico 0,6 ao 2,1.