Cultura
Deputación de Lugo

Arrinca o Mercado de Nadal da Deputación, con 12 postos de artesanía e unha decena de actividades infantís

Mercado de Nadal
Arrinca o Mercado de Nadal da Deputación, con 12 postos  de artesanía e unha decena de actividades infantís
- 13 artesáns amosarán os seus traballos e porán á venda os seus produtos nas doce casetas instaladas na Praza de San Marcos, ata o 5 de xaneiro de 2019
- Campos Conde avanzou que “a mostra de artesanía que pon en marcha a Deputación é unha iniciativa que busca promover o ámbito artesanal na provincia, así como as pequenas e medianas empresas, ao tempo que poñen en valor os produtos autóctonos lucenses, aproveitando a época do Nadal”
- As casetas estarán abertas ao público en horario de 11:00 horas a 14:00 horas, e de 16:00 horas a 21:00 horas. O 24 e 31 de decembro, o horario de tarde será de 16:00 horas a 18:30 horas

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Deputada de Cultura, Pilar García Porto e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez, acompañados dos artesáns, inauguraron esta tarde na Praza de San Marcos, o Mercado de Nadal 2018 da Deputación. Nesta nova edición, 13 artesáns amosarán os seus traballos e venderán os seus produtos nas 12 casetas instaladas na Praza de San Marcos. Será ata o 5 de xaneiro de 2019. A mostra terá un horario de maña e tarde, de 11:00 horas a 14:00 horas, e de 16:00 horas a 21:00 horas. Os días 24 e 31 de decembro, o horario de tarde será de 16:00 horas a 18:30 horas.

Campos Conde explicou que “a mostra de artesanía que pon en marcha a Deputación é unha iniciativa que busca promover o ámbito artesanal da provincia, así como as pequenas e medianas empresas, ao tempo que poñen en valor os produtos autóctonos lucenses, aproveitando a época do Nadal”.  

O Presidente resaltou “a importancia deste mercado, que favorece o desenvolvemento económico da cidade e da provincia. Desde a Deputación, reforzamos a nosa aposta por potenciar a tódolos niveis un sector artesanal que, ao igual que a economía vencellada aos produtos autóctonos, supón unha oportunidade económica de primeiro nivel para a provincia que non se pode desaproveitar”.

“Por iso quero convidar a todos os lucenses e a todos os visitantes a achegarse a este mercado, co fin de fomentar, incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos establecementos da nosa provincia durante o Nadal. E ademais neste caso, os agasallos teñen dobre premio, son artesáns e son lucenses”, resumiu.


13 artesáns participantes


Os participantes no Mercado de Nadal da Deputación son todos profesionais, que crean pezas propias. Os materiais que empregan son transformados dende unhas materias primas autóctonas: coiro ou cerámica, entre outras. Os 13 participantes deste Mercado son os seguintes:

J. Ramón Lleo Fissure e Mercedes Buján Paredes. Marroquinería: O nome do stand é Dous de coiro. Lleo Fissure é un artesán cunha longa traxectoria, na que combina  a súa actividade de produción e venda de artigos de deseño propio. Pola súa parte, Mercedes Buján comezou no mundo do coiro de xeito autodidacta, ata que  no ano 2010 empezou a traballar no Taller do artesán Ramón LLeo, o seu mestre. www.rappacrafts.wordpress.com

Inmaculada Díaz Cabado. Cerámica: Esta artesá participa co posto Barro en vivo, como o nome do taller que ten na cidade de Lugo. Esta ceramista amosará parte do seu traballo como cuncos, animais ou debuxos animados, entre outros, que deseña, crea e pinta ela mesma. www.barroenvivopablomacu, http://barroenvivo.blogspot.com

Carla Canedo Martínez. Xoiería: O nome do stand é Carla Alfaia. Esta artesá traballa a man con xoiería en prata, concretamente coa técnica da filigrana, que tenta recuperar do esquecemento dándolle un toque máis contemporáneo. www.carlaalfaia.com, www.facebook.com/carla.alfaia.1

Adolfo Domínguez Casais. Pratería: Leva máis de 20 anos dedicado a traballar con xoiería. Posúe unha tenda na cidade, Amalgama, na que ofrecen talleres e espazos para achegar á xente a artesanía. www.amalgama.gal, https://www.facebook.com/amalgamaartesania/

Javier De Castro Rodríguez. Marroquinería: é un dos artesáns que compoñen o taller de marroquinería Senda, situado no municipio da Pobra do Brollón. Leva máis de 20 anos traballando con curtido vexetal ecolóxico e coa técnica centenaria do aormado en coiro. http://sendacuero.simplesite.com/

Ana Isabel Novo Barreiro. Marroquinería: Co seu posto Tres Caracoles, amosa todo o seu traballo co coiro como moedeiros, bolsos, fundas de móbil, entre outros complementos. Dedícase profesionalmente dende fai 7 anos e ten un taller/tenda na cidade de Lugo onde se exhiben todos os produtos feitos a man por expertos artesáns. www.trescaracoles.es, www.facebook.com/trescaracolesartesania/

Alejandra Iglesias Suárez. Cerámica: Esta artesá participa co stand Mi madre no me deja. Posúe un obradoiro con outra artesá na cidade, no que imparten actividades de debuxos, ilustracións e escultura, entre outras moitas. Estas profesionais da serigrafía artesanal traballan sobre papel, téxtil e cerámica cos seus propios deseños. No posto ofrecerán xoiería, complementos, vaixelas, láminas, camisetas ou mochilas. www.mimadrenomedeja.com, www.facebook.com/MiMadreNoMeDeja/

Mónica García Grandío. Complementos de moda: Dedícase á artesanía dende fai 7 anos, ao quedar sen traballo e dispoñer de máis tempo libre comezou a facer cousas para a súa nena Marina, que dá nome ao seu posto Complementos Mis Marinillas, no que vai expoñer diferentes complementos de moda e deseño. http://mismarinillas.blogspot.com, www.facebook.com/mismarinillas  

Rocío Barral Valiña. Complementos de moda: O nome do stand é Lucecús. Realiza complementos de moda con feltro e bonecos de lá realizados coa técnica de tecer amigurumi. Todos os produtos son feitos a man e encárgase de todo o proceso, dende os deseños ata o empaquetado. http://lucecus.blogspot.com, www.facebook.com/Lucecus/

Roberto Lascano Lascano. Marroquinería: Artesanía o mestizo é o nome do posto co que participa este artesán no Merca en Lugo polo Nadal. Roberto ten unha tenda online http://omestizo.blogspot.com.es/ na que vende todos os produtos que produce con coiro como bolsos, mochilas ou carteiras entre outros, mesturando técnicas galegas e de distintos puntos do mundo como Sudamérica.

María Rodríguez Arias. Xoiería: Ofrece os seus traballos de xoiaría no taller M&N Joyas situado na capital lucense. Empezou a traballar no sector da artesanía hai 10 anos e unha das súas especialidades e o deseño e confección de colares en prata e pedras semipreciosas. www.mynjoyas.com, www.facebook.com/nmjoyas

Alfonso Otero Regal. Cerámica: O nome do stand é Regal Cerámica Artesán. É de Nois pero leva traballando todo a súa vida en Viveiro. Amosa os produtos de cerámica elaborados en gres a alta temperatura e decorados a man por el mesmo. www.oteroregal.com

Programación de actividades na Praza de San Marcos


Paralelamente ao Mercado de Nadal, a Deputación organiza, do 21 de decembro ao 4 de xaneiro 11 actividades infantís gratuítas, entre as que destacan espectáculos de maxia ou deseño e decoración para as festas. todas terán lugar na Praza de San Marcos e celebraranse en quenda de tarde, de 16:00 horas a 20:00 horas.

- Venres 21 de decembro: agasallos variados feitos a man

- Sábado 22 de decembro: Divertibolas para a árbore

- Domingo 23 de decembro: Bolas de neve

- Mércores 26 de decembro: Contos e lendas de Nadal

- Xoves 27 de decembro: Postais en 3D

- Venres 28 de decembro: Larpeiradas: deseños de Nadal

- Sábado 29 de decembro: Globoflexia

- Domingo 30 de decembro: Decoración para a mesa de Ano Novo

- Mércores 2 de xaneiro: Maquillaxe de fantasía

- Xoves 3 de xaneiro: Xogando cos sentidos

- Venres 4 de xaneiro: Xornada de grandes xogos e outras aventuras

 

Arrinca o Mercado de Nadal da Deputación, con 12 postos  de artesanía e unha decena de actividades infantís