O Gandarón de Paradela estrea céspede grazas ao Goberno da Deputación

López Izquierdo destacou que “achegamos 21.000 euros para que os xogadores da SD Paradela poidan dispor dunhas instalacións seguras e de primeira categoría ”
O executivo provincial asinou o pasado decembro un convenio de 50.000 euros para a ampliación do Gandarón cun novo campo de herba artificial
A Deputada Provincial, Sonsoles López Izquierdo, acompañada do Presidente da S.D Paradela, Roberto López, participou este domingo na inauguración das melloras no campo de fútbol municipal do Gandarón de Paradela con 21.000 euros. As obras financiadas polo organismo provincial incluíron a nivelación do solo, o levantamento e a sementa de novo céspede natural, así como a ampliación do sistema de rego. Son actuacións das que se beneficiarán os 50 xogadores que empregan este campo acotío.
López Izquierdo asegurou que “é alentador ver como o equipo volve a súa casa para disputar partidos no seu propio campo, que agora conta coas condicións idóneas para que os futbolistas de Paradela poidan xogar nun espazo de primeira categoría, garantindo a súa seguridade.” A Deputada lembrou que o executivo provincial asinou o pasado decembro outro convenio para construír un campo de herba artificial ao carón deste complexo deportivo.
Lopez Izquierdo destacou “esta é só unha parte de todo o orzamento que empregamos na mellora de instalacións deportivas municipais na provincia. Durante o 2018 investimos preto de 3 millóns de euros neste tipo de actuacións, sendo a administración que máis inviste en Deporte na provincia de Lugo, e como exemplo, esta fin de semana visitamos instalacións en Meira e Guitiriz, melloradas grazas ao apoio do Goberno da Deputación”.
Este campo, onde xoga de local a S.D. Paradela, composto por 24 xogadores que participan no grupo 9 da 3ª Autonómica. As instalacións tamén son usadas pola, Asociación de Veteranos de Paradela, fundado fai 5 anos e que milita na Primeira División Provincial, formado por outros 24 futbolistas.