380 animais, 8 toneladas de carne cinexética e vendas en Galicia e Portugal, resultados da tempada no centro de despece da Deputación na Fonsagrada
Campos Conde, Fernández Queipo e Santos Ramos mantiveron un encontro con cazadores, o Presidente do Tecor da Fonsagrada e responsables do centro de despece, que construíu o Goberno Provincial neste Concello da Montaña
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Vicepresidente e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, e o voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, mantiveron un encontro con cazadores, co Presidente do Tecor da Fonsagrada e responsables do único centro de despece de carne cinexética de Galicia, que construíu o Goberno da Deputación na Fonsagrada; municipio onde se sitúa o coto de caza de maior extensión da provincia e o segundo da Comunidade galega. Fixérono para coñecer, de primeira man, os resultados da tempada de caza que acaba de rematar.
Durante esta tempada de caza, que transcorreu dende setembro a febreiro, o centro de despece da Deputación na Fonsagrada recibiu 380 animais. Supuxeron 8 toneladas de carne cinexética, que se despezaron e embalaron para a súa comercialización por toda Galicia e ata en Portugal, cun prezo medio duns 4 euros por quilo.
O Presidente remarcou que “melloramos os resultados con respecto á tempada pasada, a primeira para o centro, pois pasamos de recibir uns 170 animais no 2018 aos 380 deste ano, duplicando os exemplares”. Trátanse de xabarís principalmente do tecor da Fonsagrada e tamén de Negueira de Muñiz, Oscos, Taramundi, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna e distintos puntos da Terra Chá.
15 hectáreas desbrozadas
Fernández Queipo salientou que “este centro é unha oportunidade económica e tamén medioambiental para o Concello. Pois a súa posta en marcha, supuxo a xeración de 4 empregos, os das persoas que atenden estas instalacións; así como a comercialización dos nosos produtos cinexéticos. Ademais, os cazadores reciben para o seu tecor 1,3 euros por cada quilo de carne, que se deben reinvestir preferentemente en melloras no tecor e xustificar as mesmas. No cota da Fonsagrada, desbrozáronse esta tempada 15 hectáreas cos fondos procedentes das pezas levadas ao centro”.
1º Centro de Despece público en Galicia
O centro de despece de carne cinexética da Deputación na Fonsagrada é o primeiro que existe en Galicia. O Goberno Provincial fixo estas instalacións con 650.000 euros e levounas ao municipio fonsagradino, en colaboración co Concello que cedeu a finca de 800 metros cadrados na que se sitúa, tendo en conta que este municipio acolle o tecor de maior extensión na provincia de Lugo e o segundo na Comunidade galego. Ten case de 44.000 hectáreas e uns 250 cazadores. O centro dá servizo tamén aos cotos da contorna: Oscos, Negueira de Muñiz, Grandas de Salime, Taramundi, Navia de Suarna, Terra Chá ou a Ribeira de Piquín.
Funcionamento
Para deixar os exemplares no centro, o cazador debe rexistrarse e sinalar o coto ao que pertence, pois os pagos polo quilo de carne (1,3 euros) realízanse aos propios tecores para melloras nos mesmos que se deben xustificar. O proceso do despece dura uns 4 días. O animal está 24 horas no depósito onde se realizan as probas sanitarias por parte dos responsables públicos na materia. Superada esta fase, levase a cabo o despece da carne en xamóns, paletillas, costela, solombos, chuletas e ragú. Posteriormente, envásase ao vacío e pasa ao túnel de conxelado a -40º onde está entre 24 e 26 horas. Feito todo isto, os produtos están listos para a súa comercialización a terceiros.