Máis de 200 litros de viño degustáronse na IX Festa do Viño de Negueira de Muñiz
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, participaron este sábado na IX Festa do Viño do municipio, na que se ofreceron, durante toda a xornada, máis de 200 litros de viño. Ademais tamén se expuxeron alimentos producidos na zona como embutidos, queixos, pan froitas ou hortalizas, elaboradas artesanalmente. Esta cita, coa que colabora a Deputación, acadou este ano a súa novena edición.
Campos Conde subliñou que “a Festa do Viño de Negueira de Muñiz contribúe a poñer en valor os produtos lucenses, polo que contribuímos a poñer en valor o traballo diario e meticuloso que desempeñan, durante todo o ano, os viticultores da Montaña lucense, o que se percibe na calidade dos nosos viños”.
Ás 12:00 horas iniciouse, esta xornada de festa, co pregón a cargo do presentador de deportes da Televisión de Galicia, Terio Carrera; e realizouse a apertura do mercadillo de produtos da zona. Ademais antes, do xantar houbo unha actuación do grupo Os Pampirolos. Este evento, tamén incluíu unha degustación gratuíta de viños tintos e brancos e un xantar popular de polbo e churrasco. Xa pola tarde, os asistentes puideron gozar das actuacións musicais da orquestra Waykas Family. Durante todo o día houbo xogos infantís para os máis cativos.