Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación adapta o Plan Único para que os concellos poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante a crise do Covid-19

plan único
coronavirus
Imaxe deputación de lugo
- O Goberno provincial decidiu que os municipios que o necesiten quedan exentos da obriga de destinar a investimentos o 50% do plan para poder dedicar eses recursos a afrontar gastos derivados da actual situación de emerxencia de saúde pública

- O Plan Único 2020, que se incrementa ata os 21,3M€, será aprobado nun Pleno extraordinario o 2 de abril co fin de que os concellos poidan dispoñer canto antes destes fondos, que contribuirán, non só a cubrir servizos sociais, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego

O Goberno da Deputación anunciou este martes a decisión de adaptar o Plan Único 2020 co fin de que os 67 concellos da provincia poidan cubrir con estes fondos medidas e necesidades sociais provocadas pola crise do Covid-19. Deste xeito, as bases do Plan Único adáptanse para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus. 

En concreto, a redacción das bases tras o cambio é a seguinte: “De xeito excepcional, e con motivo da situación de alarma sanitaria decretada polo RD 463/2020, de 14 de marzo, e posterior modificación, exceptúase da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos a aqueles concellos que lles sexa necesario facer fronte a gastos correntes derivados da situación de alarma e emerxencia sanitaria por mor do coronavirus Covid-19. Non obstante, das cantidades destinadas a investimentos, mantense a obriga do concello de dedicar o 60% da achega provincial ao arranxo e mellora de vías municipais”.

O Presidente, José Tomé, que mantivo unha reunión esta mañá coa Vicepresidenta, Maite Ferreiro, para abordar esta cuestión, explicou que “esta medida contribúe a que os concellos poidan responder con máis rapidez e eficacia ao novo escenario de prioridades e necesidades que deben afrontar debido á situación de emerxencia de saúde pública que estamos a vivir. “A Deputación é o Concello dos Concellos. A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os efectos desta crise sanitaria. É aquí onde temos unha función clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”. 

Esta medida dá aos concellos “a seguridade e a tranquilidade de que van ver as súas  arcas municipais reforzadas para afrontar as necesidades que xurdan pola crise do coronavirus”, recalcou o Presidente.

A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro,  subliñou que "esta crise sanitaria está a supoñer un gran desafío para os concellos. Somos conscientes do esforzo que están a facer sobre todo no que ten que ver coa xestión do Servizo de Axuda no Fogar. Moitos organizaron tamén outros servizos de proximidade para levar alimentos e medicinas a persoas maiores que viven soas ou non dispoñen de vehículo propio. Queremos que o Plan Único sexa unha ferramenta flexible, que se adapte as necesidades que os concellos teñen nesta situación excepcional".

Maite Ferreiro tamén amosou o seu apoio ás demandas de material de protección que están a realizar os concellos. "É imprescindible que as traballadoras destes servizos conten con equipos de protección para facer o seu traballo. Trátase de protexer a súa saúde e tamén a das persoas as que atenden".

A Pleno o 2 de abril
O Goberno da Deputación decidiu así mesmo fixar para o 2 de abril, ás 11.00 horas, a celebración dun Pleno extraordinario para aprobar o Plan Único 2020, que se incrementa este ano ata os 21,3M€, co obxectivo de que os concellos poidan dispoñer canto antes destes fondos, “que, se sempre son necesarios, quizais moito máis este ano pola grave situación que estamos a vivir, pois contribuirán, non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o estado de alarma”. O Plan Único “repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que sen dúbida axudará a recuperar o pulso das economías locais”.

Atendendo a esta situación, o Goberno provincial acordou ampliar os prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo ao Plan Único 2020. Así, amplíase un mes o prazo para a contratación, pasando a data límite do 30 de setembro ao 30 de outubro.

O Pleno será retransmitido como é habitual por streaming para que toda a cidadanía que así o desexe e os medios de comunicación poidan velo. Celebrarase sen a presencia de público e gardando ás distancias de seguridade, así como todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias e gubernamentais.

Outras medidas
A adaptación das bases do Plan Único para que os concellos da provincia poidan dispoñer de maiores recursos económicos fronte ao Covid-19 súmase a outras decisións de carácter social e económico adoptadas pola Deputación para paliaro impacto desta crise, como a de priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade, ou a de reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.

A distribución dos fondos do Plan Único 2020 por concellos
A Deputación distribúe os 21,3M€ do Plan Único 2020 entre os 67 municipios da provincia en base a criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais de 2019.

 

CONCELLOS

ACHEGA PLAN ÚNICO 2020

ABADIN

335.452,02 €

ALFOZ

271.839,06 €

ANTAS DE ULLA

273.253,05 €

BALEIRA

275.204,38 €

BARALLA

291.159,27 €

BARREIROS

273.826,94 €

BECERREA

301.049,68 €

BEGONTE

296.519,57 €

BOVEDA

244.541,56 €

BURELA

371.358,11 €

CARBALLEDO

313.346,75 €

CASTRO DE REI

389.115,87 €

CASTROVERDE

300.901,96 €

CERVANTES

317.983,83 €

CERVO

292.572,38 €

CORGO (O)

336.440,43 €

COSPEITO

360.134,92 €

CHANTADA

463.855,35 €

FOLGOSO DO COUREL

267.217,14 €

FONSAGRADA (A)

436.394,76 €

FOZ

420.355,18 €

FRIOL

407.438,43 €

GUITIRIZ

439.625,65 €

GUNTIN

313.652,58 €

INCIO (O)

288.203,48 €

LANCARA

295.006,95 €

LOURENZA

251.163,40 €

LUGO

500.000,00 €

MEIRA

221.916,78 €

MONDOÑEDO

306.623,32 €

MONFORTE DE LEMOS

500.000,00 €

MONTERROSO

302.947,57 €

MURAS

286.381,48 €

NAVIA DE SUARNA

309.783,73 €

NEGUEIRA DE MUÑIZ

192.395,10 €

NOGAIS (AS)

240.611,11 €

OUROL

303.762,13 €

OUTEIRO DE REI

353.004,86 €

PALAS DE REI

373.843,01 €

PANTON

329.043,94 €

PARADELA

284.985,36 €

PARAMO (O)

244.384,06 €

PASTORIZA (A)

323.175,96 €

PEDRAFITA DO CEBREIRO

254.867,75 €

POBRA DO BROLLON (A)

284.043,90 €

POL

267.691,15 €

PONTENOVA (A)

272.263,66 €

PORTOMARIN

263.550,93 €

QUIROGA

347.458,38 €

RABADE

194.670,07 €

RIBADEO

440.481,17 €

RIBAS DE SIL

228.254,99 €

RIBEIRA DE PIQUIN

230.974,79 €

RIOTORTO

237.414,12 €

SAMOS

278.735,45 €

SARRIA

500.000,00 €

SAVIÑAO (O)

379.340,83 €

SOBER

321.753,18 €

TABOADA

325.838,30 €

TRABADA

248.758,94 €

TRIACASTELA

201.359,85 €

VALADOURO (O)

286.020,65 €

VICEDO (O)

254.212,15 €

VILALBA

500.000,00 €

VIVEIRO

500.000,00 €

XERMADE

306.454,43 €

XOVE

275.384,20 €

TOTAL

21.300.000,00 €