Deputación de Lugo

A Deputación realiza labores de desinfección preventivas en toda as dependencias provinciais

O Pazo de San Marcos
coronavirus
O Presidente asegura que esta medida complementa as adoptadas ata o momento pola institución porque “é moi importante seguir extremando as precaucións para minimizar o risco de contaxio do coronavirus Covid-19”

Son unhas tarefas que se lle encargan á empresa pública Tragsa, medio propio da Deputación, e que se realizan con persoal formado e cualificado na utilización de produtos químicos autorizados polo Ministerio de Sanidade

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, informa de que esta semana se están desenvolvendo traballos de limpeza e desinfección con carácter preventivo en todos as dependencias da institución. Esta medida, explica Tomé Roca, complementa as adoptadas ata o momento, porque “é moi importante seguir extremando as precaucións para minimizar o risco de contaxio do coronavirus Covid-19”.

As labores de desinfección xa se efectuaron este mércores no Pazo de San Marcos, no Museo Provincial de Lugo, no Museo do Mar, nas oficinas da Praza de Santo Domingo, no centro de formación audiovisual, na produtora do Servizo de Audiovisuais, nos locais do Parque Móbil e nas dependencias de Recadación. O vindeiro luns acometeranse nos museos de San Paio de Narla e Pazo de Tor, nas dependencias de Vías e Obras, no CENTRAD, no Arquivo e na Unidade de Mantemento.
 
Estas tarefas encargáronselle á empresa pública Tragsa, medio propio da Deputación dende finais do pasado ano, e realízanse con persoal formado e cualificado na utilización de produtos químicos autorizados polo Ministerio de Sanidade. 

O Presidente explica que “dende a Deputación estamos desenvolvendo un conxunto de actuacións para afrontar esta crise. Seguimos cos traballos de desinfección das residencias, que se fan dúas veces por semana en cada un dos centros, e agora eses labores ampliámolos ao conxunto das dependencias provinciais”. Tomé Roca engade que “estes lugares agora mesmo están case sen xente porque practicamente todo o cadro de persoal da Deputación está traballando dende a casa, o que nos permite conxugar a seguridade dos empregados e empregadas públicas cun ritmo fluído nas tarefas necesarias para a prestación de servizos á cidadanía e aos concellos”. 

Os labores de desinfección tanto das dependencias provinciais como das residencias de maiores, súmanse ás medidas xa adoptadas pola Deputación fronte á crise do Covid-19.  O Goberno adoptou decisións de carácter social e económico para paliar o impacto desta crise, como a de adaptar o Plan Único 2020 para que os concellos poidan usar máis de 10,6 millóns de euros a cubrir medidas sociais derivadas do impacto do coronavirus; a inxección de 11M€ nos concellos adiantándolles os pagos mensuais previstos por impostos ata o mes de xuño; priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade; ou reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.

Renovación do encargo 
A Deputación de Lugo renova o encargo con Tragsa dos labores de desinfección dos catro centros de atención a maiores durante dúas semanas máis para que o servizo continúe –polo menos- mentres permaneza vixente o estado de alarma. Cada un dos centros límpase dúas veces á semana e os traballos fanse de forma exhaustiva tanto no interior como no exterior dos edificios, coa finalidade de cubrir todas as zonas coas que a diario  tanto os usuarios e usuarias como o persoal dos centros teñen contacto.