A Deputación mellora en Palas de Rei con 83.000€ a estrada que une Devesa de Rei co núcleo de Xende
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras de mellora da estrada provincial LU-P-4004 no concello de Palas de Rei, que conecta os núcleos de Devesa de Rei, Ribeira e Xende. Así informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, en rolda de prensa onde explicou que o orzamento para estes traballos é de 83.063€.
A Deputada detallou que se van arranxar 10 quilómetros de vía: dende o punto quilométrico 0 ata o 10,045. “O proxecto contempla realizar un saneo da explanada e do firme granular que presenta blandóns e ondulacións, mediante o corte do pavimento existente. Vaise escavar 80 centímetros de profundidade e realizarase un recheo con 40 centímetros de zahorra artificial e macadam ordinario”, expuxo.
“Todas as fochancas e defectos similares que presenta esta vía quedarán arranxados e despois, aplicaranse varios regos asfálticos nos 10 quilómetros”, explicou a voceira socialista do Goberno. O prazo de execución do conxunto destes traballos é de 2 meses.
García Porto incidiu na importancia que ten para a Deputación de Lugo o mantemento e a mellora das estradas provinciais. “Consideramos que a mobilidade é un dereito da cidadanía que contribúe ao equilibro social e territorial. Como se pode comprobar, en practicamente todas as Xuntas de Goberno aprobamos licitacións ou adxudicacións de obras na Rede Viaria Provincial”. Ademais, deu un dato: a día de hoxe a institución provincial ten en marcha obras en estradas de toda a provincia por máis de 4,6 millóns de euros. “Unha cantidade que contribúe a dinamizar a economía das empresas e axuda a garantir postos de traballo”, explicou.