Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural achega 280.000 euros para as obras de mellora da estrada da estación, en Ribadeo

Mónica Freire
medio rural
CONCELLO DE RIBADEO
A deputada Mónica Freire Rancaño e o alcalde ribadense Fernando Suárez Barcia asinaron o convenio de colaboración para executar os traballos

A deputada de Medio Rural Mónica Freire Rancaño e o alcalde de Ribadeo Fernando Suárez Barcia asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o  Concello de Ribadeo para levar adiante as obras de mellora da estrada da estación, paralela á liña de Feve.

Os traballos consistirán na ampliación da vía para permitir o paso de vehículos en dous carrís e o acondicionamento dun dos lados a modo de beirrarúa para permitir o tránsito de persoas, cun ancho mínimo de dous metros. Ademais, instalarase alumeado público con luminarias LED cada 25 metros e puntos de luz específicos para a sinalización dos dous  pasos de peóns elevados que se disporán ao longo da estrada.

O convenio tamén contempla a mellora do cruce entre a estrada e a rúa Segundo Moreno Barcia, para facilitar o xiro dos vehículos pesados, así como a renovación da rede de pluviais da rúa Segundo Moreno Barcia

A área de Medio Rural achegará 280.000 euros para a execución das obras, que contan cun orzamento total de 359.700 euros. A deputada Mónica Freire Rancaño sinalou que “con este convenio de colaboración se solventará o deterioro dun vial moi utilizado polo tráfico pesado, especialmente para o transporte da madeira que se corta nas parroquias do interior do concello”.

O alcalde de Ribadeo concretou que "o Concello licitará inmediatamente a obra xa que conta coa cesión dos terreos e os permisos necesarios para levar a cabo os traballos".