Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación colabora con AFAMON e AFAN na estimulación cognitiva de persoas con alzheimer

alzheimer
Monforte de Lemos
Burela

A Deputación de Lugo colabora coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte (AFAMON) e coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Burela (AFAN) para desenvolver programas destinados á estimulación cognitiva de persoas con esta enfermidade.

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, materializou a colaboración asinando sendos convenios coas presidentas destas entidades, Estrella Rodríguez López, de AFAMON, e Estefanía Varela Casas, de AFAN.

A institución provincial destina a AFAMON 12.000€ para a realización do programa de estimulación cognitiva e psicomotriz; desenvolveranse obradoiros de memoria, linguaxe, orientación e exercicio adaptado para os 30 usuarios e usuarias da asociación. Ademais, a Deputación achega 4.000€ a AFAN para desenvolver actividades de psicoestimulación para os usuarios  e usuarias da unidade de respiro co fin de mellorar a calidade de vida e retardar o deterioro cognitivo dos enfermos de alzheimer.

Os programas que levan acabo ambas entidades teñen como finalidade mellorar a autonomía e independencia persoal das persoas con esta doenza para enlentecer ao máximo o avance da enfermidade. Así mesmo, a achega da institución provincial permite ao colectivo ofrecer formación especializada, atención psicolóxica e familiar.