A Deputación vende 18 xovencas preñadas da Granxa Gayoso na Poxa de Raza Rubia Galega de Adai

A Deputación de Lugo vendeu este sábado un total de 18 xovencas preñadas procedentes da Granxa Gayoso Castro que a institución provincial ten en Castro Riberas de Lea. Foidurante a tradicional Poxa de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, celebrada no recinto feiral de Adai, no concello do Corgo.
As xovencas foron ofertadas cun prezo de saída de 2.300 euros, alcanzando un notable interese por parte dos gandeiros asistentes. As reses vendidas presentan idades comprendidas entre os 21 e os 32 meses, e están preñadas con entre 4 e 7 meses de xestación. Todas as xovencas proceden de explotacións da provincia de Lugo, concretamente de concellos como Samos, Vilalba, A Fonsagrada, A Pobra do Brollón, Paradela, Láncara, Castroverde, Pol e Becerreá, entre outros.
Ademais da venda, a institución provincial levou á feira outras 8 xovencas para participar na exposición, que reuniu arredor de 100 dos mellores exemplares de Rubia Galega de gandeirías das provincias de Lugo e Pontevedra.
O rabaño de Rubia Galega da Deputación de Lugo, criado na Granxa Gayoso Castro e xestionado en colaboración coa ACRUGA (Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega), é un dos principais referentes na mellora xenética desta raza autóctona.