A Deputación apoia a terceira edición dos premios Son Muller de AELU

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a Presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), Beatriz Varela Regueira, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración cunha achega económica de 3.500 euros para axudar cos gastos da organización da terceira edición dos premios Son Muller.
O Presidente destacou que a Deputación apoia estes premios porque “contribúen ao empoderamento da muller e a visibilizar e poñer en valor o seu traballo como motor económico e social da provincia.”.
Os premios contarán con 3 categorías diferentes: emprendedora, empresaria e empresaria rural; entre os que se repartirán 4.500€. O fallo e a entrega dos premios faranse o vindeiro 29 de decembro.
AELU
A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro. Leva máis de 30 anos desenvolvendo iniciativas co obxectivo de promocionar e defender os valores humanos, sociais e profesionais das mulleres na súa condición de empresarias, establecendo a integración e o fomento do asociacionismo entre as empresarias, emprendedoras, executivas e directivas de empresas.