Deputación de Lugo

A Deputación participa na presentación do proxecto de estrada intelixente no túnel do Cereixal, pioneiro en España

novas tecnoloxías
O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que este plan piloto de asistencia á condución con tecnoloxía 5G que lanzou o Goberno central é importante para a seguridade viaria, pero tamén para favorecer a igualdade entre o rural e a zona urbana

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na presentación e posta en marcha da tecnoloxía 5G para a asistencia a condución no túnel do Cereixal, que forma parte da rede de estradas do Estado na provincia. Un proxecto piloto de estrada intelixente, pioneiro en España, que lanzou o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno central a través de Red.es.

Pablo Rivera, responsable do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación, destacou “a importancia deste tipo de investimentos na nosa provincia para mellorar a seguridade viaria, pero que tamén promoven a igualdade entre o rural e a zona urbana”. “Lugo é unha provincia que se presta a innovar e dende a Deputación de Lugo esperamos que este proxecto de 5G no túnel do Cereixal sexa un dos moitos proxectos piloto que se lancen nos concellos da provincia, porque o necesitamos”, sinalou.

O Deputado coñeceu as innovacións instaladas que, ademais de tecnoloxía 5G, inclúen cámaras, unha estación metereolóxica e sensores, que permitirán aos vehículos que conten coa tecnoloxía necesaria ter información ao instante da situación na estrada. Entre os avisos que se coñecerán nos vehículos cabe destacar o de freada, alertas sobre a situación atmosférica á saída do túnel ou se hai algún elemento na vía que interrompa a circulación.

A iniciativa foi deseñada en colaboración por Telefónica, Nokia e Stellantis, e permite aumentar a seguridade na condución, ademais de axudar ao mantemento das infraestruturas e a unha boa coordinación do tráfico.